De entrada libre, o relatorio desenvolverase ás 12 horas do mediodía do sábado 27 de abril no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero
Este programa de conferencias promovido desde o goberno a través da Concellería de Sanidade e Hábitos Saudables está a ter moi boa acollida pola veciñanza
A concelleira Noelia Seijas anima a que a veciñanza continúe a participar nestas conferencias que tratan diversos aspectos de saúde de interese para todos
O vindeiro relatorio co que continuará o “I Ciclo de Conferencias sobre Saúde “Cóida(te). Escóita(te)” que promove o goberno a través da Concellería de Sanidade e Hábitos Saudables e que está a ter unha excelente acollida por parte da veciñanza é a da doutora en Odontoloxía, catedrática en Estomatoloxía na USC e coordinadora do Servizo Universitario de Atención Odontolóxica en Pacientes con Necesidades Especiais, Inmaculada Tomás Carmona.
Tomás Carmona disertará sobre “Coidado oral en pacientes con enfermidades crónicas” nunha conferencia de entrada libre e que se desenvolverá no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero (como todas as deste ciclo). Iso si, nesta ocasión mudará de horario con respecto ás anteriores e pasará a desenvolverse ás 12 horas. A concelleira de Sanidade e Hábitos Saudables, Noelia Seijas, convida á veciñanza a que continúe a participar nestas conferencias que tratan diversos aspectos de saúde de interese para todos.
A catedrática e doutora centrará a súa conferencia en coñecer cales son os problemas orais máis comúns nos pacientes con diabetes, cirrose hepática e insuficiencia renal crónica, enfermidades de alzhéimer e párkinson, así como aqueles que reciben anticoagulantes. Comentarase cales con os coidados orais específicos e as particularidades do manexo odontolóxico que precisan estes pacientes con patoloxías crónicas.
Inmaculada Tomás Carmona é licenciada en Odontoloxía e Premio Extraordinario de Licenciatura pola Universidade de Granada e doutora en Odontoloxía e Premio Extraordinario de Doutorado pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente exerce na USC como catedrática na materia “Odontoloxía en Pacientes medicamente comprometidos”. Tamén é membro do equipo decanal da Facultade de Medicina e Odontoloxía desde 2011-2014, en calidade de vicedecana de Odontoloxía.
Entre os numerosos méritos e recoñecementos que posúe destacan o de académica numeraria da Academia de Ciencias Odontolóxicas de España; coordinadora da Unidade Clínica e de Investigación en Odontoloxía para Pacientes con necesidades especiais; coordinadora do Grupo de Investigación “Oral Sciences Research Group” da USC, pertencentes á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, e o de investigadora colaboradora do Eastman Dental Institute, Queen Mary University of London e King´s College London.
Ten participado na elaboración de máis de 106 publicacións en revistas con índice de impacto, máis de 25 capítulos de libros e dirixido 17 teses doutorais, das que 10 recibiron o Premio Extraordinario de Doutorado en Ciencias da Saúde e Ciencias.
Autora do libro de referencia na materia “Odontoloxía en Pacientes con Necesidades Especiais” (2ª edición, 2022); editora asociada de varias revistas científicas JCR de alto impacto. Recibiu numerosos premios de investigación outorgado por sociedades científicas internacionais ou nacionais, así como por entidades públicas ou privadas.
Así mesmo ten colaborado en 25 proxectos competitivos de I+D+i e contratos de empresas multinacionais do sector biomédico. En 15 destas actividades foi investigadora principal.