- O acto inaugural desenvolverase a partir das 20.00 horas
- A exposición, que se enmarca no programa “Lalín con Arte”, poderase ver ata o 30 de xuño
“Camiñantes pola Vía da Prata a Santiago de Compostela” é o título da exposición de Acisclo Manzano Freire que, promovida polo Concello de Lalín no marco do programa cultural "Lalín con Arte”, se inaugurará o vindeiro venres, 19 de abril, ás 20.00 horas, no Museo Municipal “Ramón Mª Aller”.
Trátase dunha mostra na que Acisclo Manzano nos amosa unha serie de obras en barro cocido que representan caras de persoas (camiñantes ou peregrinos) que van de camiño cara Santiago. Tamén inclúe como novidade unha serie de debuxos en tamaño grande, feitos a man alzada, que mostra figuras de persoas en movemento. Unha aposta fresca e moi interesante que lembra aos bocexos de grandes obras que se poden contemplar en Galicia. Poderase ver no Museo Municipal ata o 30 de xuño.
Acisclo Manzano é un dos grandes escultores da plástica galega. Comeza tallando caixas de madeira aos doce anos por mor dunha enfermidade infantil. Estuda na Escola de Formación Profesional de Ourense, na especialidade de talla. Posteriormente cursará debuxo e modelado na Escola de Oficios de Santiago. Consegue unha bolsa para o taller de Francisco Asorey pero non consegue adaptarse para lle asignar outros profesores. Ten a sorte de asistir por libre ao talle de José Liste, un dos mellores ebanistas galegos dos anos setenta.
Acisclo traballou ao longo destes máis de sesenta anos con todo tipo de materiais: madeira, bronce, ferro, granito ou poliespán. Pero será o barro o material co que se sente máis familiarizado o que lle permita expresar mellor os seus sentimentos. A súa liña marca levouno a recibir numerosos recoñecementos como o de membro da Real Academia de Belas Artes, na rama de escultura, así como o de Premio Nacional de Escultura ou a Medalla de Ouro das Artes.