A inscrición é gratuíta enviando un correo electrónico a axendaurbana@lalin.gal
“Axenda Urbana Lalín” é o título da Xornada Técnica que desenvolverá o Concello de Lalín o vindeiro luns, 22 de abril, con participación do eurodeputado lalinense, Nicolás González Casares; do Ministerio de Transportes; da Deputación de Pontevedra; ademais de representantes do goberno municipal e de membros da Comisión de Seguimento da Axenda Urbana Local de Lalín co obxectivo de analizar as vantaxes e experiencias da “Axenda Urbana Local” en municipios de España e, concretamente, o proceso de implantación da Axenda Urbana Local de Lalín.
Así o avanza Paz Pérez Asorey, tenente alcalde e concelleira responsable de Xestión de Fondos Europeos e Axenda Urbana, que subliña ademais “a participación activa que nesta Xornada Técnica terá o alumnado de centros educativos lalinenses que trasladarán aos representantes municipais as súas experiencias e conclusións tras ter participado nos obradoiros formativos celebrados nos seus colexios”.
Paz Pérez explica que “esta Xornada, de entrada libre, desenvolverase en horario de mañá no edificio polivalente da rúa Manuel Rivero e nela poderán tomar parte todas as persoas, entidades e colectivos que estean interesados, para o que só terán que remitir un correo electrónico ao enderezo axendaurbana@lalin.gal, indicando nome, teléfono e organización á que pertence, ao tempo que convida a todo o mundo a participar dado que se trata dunha xornada interesante e construtiva na que se darán a coñecer aspectos determinantes que marcarán o futuro do noso pobo”.
Programa
A responsable da Axenda Urbana sinala que a Xornada Técnica do vindeiro 22 de abril desenvolverase de acordo ao seguinte programa:
- 10.00 h.- Apertura: Paz Pérez Asorey, tenente alcalde e concelleira de Xestión de Fondos Europeos e Axenda Urbana.
- 10.30 h.- Conferencia inaugural a cargo de Sonia Hernández Partal, subdirectora xeral de Mobilidade e Axenda Urbana do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
- 11.00 h.- Intervención de Nicolás González Casares, eurodeputado.
- 11.30 h.- Pausa café.
- 11.35 h.- Intervención de Mª Luisa Presas Rodríguez, arquitecta técnica e responsable da Axenda Urbana de Lalín.
- 12.00 h.- Intervención de Rafael Cuiña Aparicio, membro da Comisión de Seguimento da Axenda Urbana Local de Lalín.
- 12.15 h.- Intervención de María Ramallo Vázquez, deputada provincial de Fondos Europeos.
- 12.30 h.- Intervención de Eva López Quiroga, técnica en divulgación ambiental, que falará de “Participación e camiño á sustentabilidade”.
- 13.00 h .- “Un Lalín para o futuro”. Alumnado de centros educativos lalinenses trasladarán ao alcalde as conclusións e demandas das xornadas formativas celebradas nos seus colexios.
Axentes activos do cambio
Nesta última parte, concreta Paz Pérez, “os/as neno/as dos colexios lalinenses reuniranse co alcalde para expoñerlle ao alcalde as súas propostas creativas para construír un Lalín máis sostible no futuro”. “Este encontro ten como obxectivo fomentar a participación do alumnado na toma de decisións locais e promover a concienciación ambiental desde idade temperá”, subliña.
“Cada colexio presentará as súas propostas que foron desenvoltas ao longo dos obradoiros que realizaron previamente sobre a Axenda Urbana de Lalín: os temas que se abordarán serán a redución de residuos, a promoción da mobilidade sostible, a conservación da biodiversidade local e a instalación de enerxías renovables”, remarca.
“Tras as presentacións abrirase un espazo de diálogo onde os/as nenos/as terán a oportunidade de intercambiar ideas co alcalde e outros representantes municipais”, subliña. “As propostas máis destacadas tomaranse en consideración para ser implementadas no desenvolvemento sostible do municipio de Lalín, creando así un vínculo significativo entre os pequenos cidadáns e a construción dun futuro máis sostible para a súa comunidade, tratando de incentivalos para ser axentes de cambio activo na súa contorna”, afirma.
Constitución da Comisión de Seguimento
Por outra parte, este xoves, 11 de abril, constituíuse a Comisión de Seguimento da Axenda Urbana dando cumprimento ao acordo plenario de data 24 de novembro de 2023 no que se establece que dita Comisión “terá a responsabilidade de monitorizar e asesorar sobre políticas e proxectos relacionados co desenvolvemento sostible do noso Concello”.
Tal como xa explicou hai uns días a responsable da Axenda Urbana e tenente de alcalde, Paz Pérez, ofrecéuselle a todos os grupos políticos da Corporación a oportunidade de participar en dita Comisión ou incluso de poder incorporarse se o consideran en calquera momento. A día de hoxe a Comisión inclúe ao grupo de goberno e a Compromiso por Lalín, insistindo en que está aberta aos demais grupos políticos que se queiran adherir, ademais de a representantes da sociedade civil e a colectivos sociais.
Nesta primeira reunión da Comisión de Seguimento aprobáronse os membros que a compoñen: Paz Pérez Asorey, en representación do grupo de goberno, e Rafael Cuiña Aparicio, en representación de Compromiso por Lalín.
Tamén, entre outros acordos que se tomaron nesta sesión constitutiva, destaca a realización dun resumo da evolución do Plan de Acción da Axenda Urbana, e a información que se deu sobre a xornada técnica do vindeiro 22 de abril.
https://axendaurbana.lalin.gal/
@LalínAxendaUrbana