- Terá lugar o vindeiro luns, 15 de abril, ás 20.30 horas
-
Todas as conferencias son de entrada gratuíta e desenvólvense no edificio polivalente da rúa Manuel Rivero
O xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, Rafael López López, ofrecerá a vindeira charla do “I Ciclo de Conferencias de saúde “COIDA(te)”. ESCOITA(te)” do Concello Lalín o próximo luns 15 de abril, ás 20.30 horas, no edificio polivalente da rúa Manuel Rivero baixo o título “A biopsia líquida como pilar do tratamento futuro do cancro”.
A concelleira de Sanidade e Hábitos Saudables, Noelia Seijas, anima á participación neste ciclo de charlas que son todas de asistencia gratuíta e que se desenvolven no edificio da rúa Manuel Rivero.
Rafael López centrará a súa conferencia en como se está a afrontar o cancro actualmente e como nos vindeiros anos se agarda un incremento importante da súa incidencia debido fundamentalmente ao envellecemento da poboación: vivimos máis pero tamén teremos máis cancro. Falará dos últimos avances nesta loita, cunha diminución clara da mortalidade e cun avance no número de supervivintes.
Explicará como as técnicas de biopsia líquida nas que está centrado o grupo de investigación que lidera están permitindo coñecer o tumor ao longo de todo o proceso do cancro e aplicar diagnósticos para abordar ou eliminar a enfermidade metastásica.
Rafael López, Comendador do Cocido en 2024, é director do grupo de Oncoloxía Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e coordinador da área do cancro do mesmo (www.oncomet.es), ademais de profesor titular da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.
Obtivo o título de médico na Universidade Autónoma de Madrid. Completa en 1988 a súa formación como especialista en Oncoloxía Médica no Hospital Xeral de Asturias. Ten traballado en distintos hospitais de España e fundou e desenvolveu o Servizo de Oncoloxía Médica no Hospital Taxagorritxu (Vitoria). Desde 1997 dirixe a oncoloxía médica en Santiago de Compostela.
Realiza unha importante actividade investigadora, máis de 150 ensaios clínicos como investigador principal e é o responsable da investigación traslacional en tumores sólidos, principalmente en cancros en mama e dixestivo. Actualmente traballa en proxectos de investigación para entender e trata o proceso de metástase. O seu grupo é líder en biopsia líquida en España con gran capacidade investigadora e asistencial.
Actualmente é presidente electo de ASEICA (Asociación Española de Investigación contra o Cancro) e vicepresidente da Fundación ECO (Excelencia e Calidade en Oncoloxía). Realiza unha importante actividade investigadora, máis de 150 ensaios clínicos como investigador principal e é o responsable traslacional en tumores sólidos, principalmente en cancros de mama e dixestivo. Actualmente traballa en proxectos de investigación para entender e tratar o proceso de metástase. O seu grupo é líder en biopsia líquida en España con gran capacidade investigadora e asistencial.
Foi presidente da Sociedade Galega contra o Cancro; durante a súa presidencia redactouse a Estratexia de Cancro do Ministerio de Saúde. Participou en máis de 10 patentes e en 2 spin off.