- Begoña Blanco presenta esta iniciativa que o Concello de Lalín desenvolve en colaboración da Xunta de Galicia a través da Agadic
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, presenta “Como na casa: unha programación para desfrutar en familia”, iniciativa que ofrece espectáculos para todos os públicos e que se desenvolverá desde abril ata finais de xuño coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Agadic.
“Xan Perillán compra queixo compra pan” é o primeiro dos shows enmarcados en “Como na casa”. Trátase dun espectáculo infantil de Os monicreques de Kukas sobre a compra responsable. Mestura clown e a pantomima coa maxia e os monicreques, compaxinando o ocio e a diversión coa educación no consumo responsable e nos hábitos de vida saudables e respectuosos co medio ambiente e a ecoloxía. Terá lugar o sábado 13 de abril ás 18 horas no Salón Teatro.
O sábado 11 de maio, tamén ás 18 horas, no Salón Teatro, desenvolverase “Kyoki” de Elefante Elegante, unha proposta escénica sobre o esquecemento, a soidade e a vellez. Firmada polos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha viaxe emocional desde a nenez ata a vellez a través da memoria: unha obra de linguaxe xestual cómico e reflexivo sobre o esquecemento e a soidade.
A seguinte para de “Como na casa” será o sábado 1 de xuño na Praza da Igrexa ás 19 horas é “Circo na casa” de MeRe Clown, un espectáculo de circo e clown pola igualdade de xénero. Mestura tamén malabares e humor.
O 15 de xuño (sábado, ás 19 horas na Praza da Igrexa) será o momento de “Pinga a Pinga” de Barafunda. É un espectáculo de concienciación onde a rapazada aprenderá dun xeito divertido e entretido como facer bo uso da auga a través do doutor Fauchis coa axuda do pallaso Lolo e por medio de consellos moi doados e sinxelos ao alcalde de todos/as.
O seguinte sábado, 22 de xuño, o escenario será novamente a Praza da Igrexa (19 horas) e o espectáculo “As minas do rei Salomón” de Ghazafelhos. Trátase dunha aventura por África evocando as películas dos anos 30 e 40. Quatermain, un cazador experimentado é contratado por un magnate estadounidense para atopar as lendarias minas do rei Salomón. Viaxes en avións de hélices, loitas con feras, enfrontamentos con caníbales. Unha divertida aventura por África cunha escenografía chea de sorpresas.
Pechará este ciclo “Como na casa” o espectáculo “Hocus Pocus” do Mago Paco que se desenvolverá o sábado 29 de xuño ás 19 horas na Praza da Igrexa. O Mago Paco ofrece un espectáculo de maxia infantil cheo de risas, cor e sorpresas. Pon en escena elementos visuais e moi chamativos que provocan unha dinámica constante enriba do escenario.