- Cada trinta días resaltarase unha temática concreta e desenvolveranse actividades para achegar a biblioteca á veciñanza
O Concello de Lalín, a través da Concellería de Cultura que dirixe Begoña Blanco, pon en marcha a iniciativa “Meses temáticos na biblioteca de Lalín”, de tal xeito que cada un dos meses elixidos se resalte unha temática concreta do fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal “Varela Jácome”. Unha iniciativa de achegamento da biblioteca á veciñanza, así como de dinamización lectora.
Así, sinala Blanco, este mes de abril é o “Mes do libro e da arte” e hai exposicións de libros relacionados co mundo artístico e creativo. Ademais tamén se sortearán lotes de libros de infantil, xuvenil e persoas adultas.
En maio, “Mes das Letras Galegas” estableceranse na biblioteca zonas que estarán dedicadas a escritores/as galegas e haberá actividades de dinamización lectora, afirma.
A responsable municipal tamén incide en que na biblioteca municipal tamén “traballaremos o coidado do medio ambiente e o uso de refugallos” a través de distintas accións que se desenvolverán ao longo do mes de xuño.
Setembro e outubro serán meses dedicados á biblioteca e á lectura co desenvolvemento do programa “Bibliotecario por un día”, “As maletas viaxeiras” así como diversas actividades de animación á lectura, remarca.
Os meses temáticos rematarán con decembro como “Mes da ilusión” no que terán lugar exposición de libros de Nadal, concurso de postais sobre as “Aldeas de Nadal de Lalín” e decoración acorde coa temática.
Máis info en: biblioteca@lalin.gal