- A Carpeta Cidadá é unha plataforma estatal na que todas as administracións, e dende próximas datas tamén o Concello, volcan as súas notificacións, os seus expedientes e algúns dos seus trámites para que os cidadáns os poidan facer por vía telemática
- Os veciños de Lalín poderán “utilizar este método para que todas as comunicacións municipais lle poidan chegar a través desta Carpeta Cidadá e non depender dun correo electrónico ou dunha dirección postal que teñen unha validez administrativa moi reducida”
O Concello de Lalín implementará os seus servizos e notificacións na Carpeta Cidadá nas vindeiras semanas co que comezará a prestar nesta plataforma do Ministerio de Facenda semellantes servizos aos cidadáns que prestan outras administracións como a estatal, autonómica ou provincial e que facilitan a notificación, comunicación e tramitación dos cidadáns e a súa relación coas administracións, neste caso coa local. Un novo avance “na modernización tecnolóxica dos servizos municipais que se engade aos cambios, melloras e actualizacións que se iniciaron xa hai semanas coa substitución da maior parte dos equipos municipais e que continuará en breve datas coa activación da computación na nube e a migración dos servizos do Centro de Proceso de Datos a un sistema “cloud”, indica a concelleira de Novas Tecnoloxías, Raquel Lorenzo.
A Carpeta Cidadán é unha plataforma estatal na que todas as administracións, e dende próximas datas tamén o Concello, volcan as súas notificacións, os seus expedientes e algúns dos seus trámites para que os cidadáns os poidan facer por vía telemática. Funciona como un buzón virtual no que o cidadán pode acceder a todas as súas comunicacións coas entidades públicas e a través da que tamén pode tramitar contestacións ou completar expedientes ou mesmo a realización dos mesmos.
ACCESO Á CARPETA
O acceso a esta Carpeta Cidadá realízase cun certificado electrónico ou cun Clave365 cos que se autentifica na plataforma e pode acceder a todas estas comunicacións. E a ela pódese acceder dende calquera das páxinas tanto do goberno do estado, como da Xunta e da Deputación que teñen apartados para o seu acceso, como terá a web do Concello de Lalín. Un acceso no que se concentran as notificacións de todas as administración independentemente do portal de onde se acceda a ela.
Coa súa implementación, os veciños de Lalín poderán “utilizar este método para que todas as comunicacións municipais lle poidan chegar a través desta Carpeta Cidadá e non depender dun correo electrónico ou dunha dirección postal que teñen unha validez administrativa moi reducida”.
A edil indica que os cidadáns que o desexen “poderán optar por este canle como vía de comunicación coa administración municipal para recibir as pertinentes comunicacións ou notificacións”.
ESFORZO NA MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA
Lorenzo indica que nos últimos cinco anos “o esforzo do goberno municipal na modernización tecnolóxica do Concello e a actualización das rúas relacións cos cidadáns a través da rede internet foi moi importante, sendo hoxe en día un dos Concellos galegos de media categoría punteiros na implementación de novos recursos telemáticos para facilitar a relación cos cidadáns”.
Por último, a concelleira subliña que “dende hai semanas se están a implementar tamén as medidas, solucións e determinacións necesarias para que o Concello se adapte aos protocolos do Esquema Nacional de Seguridade”, unha serie de medidas e accións protocolizadas a nivel nacional para que “os datos dos cidadáns, as súas comunicacións, expedientes e a información que os traballadores manexan de cada un dos cidadáns, manteñan a máxima rigorosidade na súa protección, confidencialidade e tratamento”. Unhas medidas que xa “implicaron unha serie de cambios no xeito do tratamento da información e unha formación concreta para cada traballador e cada departamento”.
A edil conclúe agradecendo o esforzo que nos últimos meses fixo o persoal do departamento de Informática para abordar a un tempo e dun xeito case simultáneo procesos como o de implementación do Esquema Nacional de Seguridade, a actualización dos equipos municipais, a migración dos servizos a un centro de proceso de datos na nube e a incorporación á carpeta cidadá.