As obras de restauración da Casa de don Álvaro darán comezo no mes de abril e contarán cun investimento dun millón de euros. Así o vén de anunciar o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, que tamén presentou os usos previstos para o edificio. Foi nun acto que contou coa presenza do alcalde, José Crespo, de concelleiros e da directora xeral de Patrimonio Cultural.
A actuación encádrase nun convenio de colaboración asinado co Concello de Lalín. No referido aos novos usos a intención é que o edificio funcione como un contedor sociocultural vinculado ao turismo e gastronomía locais e ás actividades sociais–formativas, mantendo as súas características construtivas e arquitectónicas, así como daqueles elementos decorativos e mobiliario máis representativos.
No andar baixo situarase a Oficina de Turismo Municipal e o Museo da historia Cocido, mentres que o alto se dedicará a espazos socio culturais. O xardín poderá abrirse ao público para acoller actividades de diversa índole.
Por outra banda, prevese destinar o andar alto do inmoble a espazo sociocultural, conservando algunha das estancias máis representativas como elementos propios dunha tipoloxía característica (residencial, señorial e urbana) de principios do século pasado, tomando como espazo de referencia o salón principal.
O resto das estancias poderán ser empregadas como espazos polivalentes para o desenvolvemento de actividades sociais e culturais (conferencias, exposicións temporais, presentacións, reunións, etc.), ao igual ca o espazo baixo cuberta.
Os traballos complétanse cunha nova instalación eléctrica, de iluminación e climatización e coa recuperación do espazo orixinal do baixo, alterado por unha redistribución inadecuada feita no século XX. Ademais, instalarase un novo ascensor que permita dar cumprimento á normativa de accesibilidade.