- O pasado sábado 23 de marzo ás 12 horas tivo lugar o recoñecemento do Concello de Lalín a Francisco Lareo Morao, dedicándolle este espazo público onde se ergue un conxunto escultórico na súa memoria baixo o título “As tres gracias”
- Do 13 de decembro ao 13 de xaneiro desenvolverase en Lalín, no Museo Municipal, a XVI Xuntanza Internacional de Piloño
O sábado, 23 de marzo tivo lugar a inauguración do “Parque do Pintor Paco Lareo”, en recoñecemento do pobo de Lalín ao multifacético artista dezao, ao que se lle dedica, a título póstumo este espazo público na vila. Deste xeito, o parque situado nos arredores da Casa da Xuventude do Concello de Lalín pasa a denominarse “Parque do Pintor Paco Lareo”.
Dáse así cumprimento ao acordo plenario unánime do 29 de setembro de 2023 no que se aprobou unha proposta de Alcaldía para dedicarlle a Lareo a distinción de “Denominación de espazos públicos”, tras recibir o visto bo o informe favorable da Comisión de Honras e Distincións no que se fundamenta de xeito pormenorizado os méritos que o artista finado en 2012 posúe para este recoñecemento.
O acto de inauguración do “Parque do Pintor Paco Lareo” consistiu no descubrimento dunha escultura conmemorativa “As tres gracias”, cunha placa cunha frase inédita de autoría de Paco Lareo. Interviron Carmen Lareo, presidenta da Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño; o alcalde de Lalín, José Crespo; o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, e o tenente alcalde de de Vila de Cruces, Julio López, concello natal do pintor Paco Lareo, ademais de Xoán Carlos García Porral, que realizou unha glosa de Lareo. Contou coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e de membros da Corporación Municipal lalinense, ademais dunha notable presenza de artistas, familiares, amizades e veciñanza.
Mediante esta distinción preténdese poñer en valor a figura de Francisco Lareo Morao (Piloño, Vila de Cruces, 1938-2012) artista e dinamizador cultural, finado en 2012, e que colaborou de forma continuada e desinteresada co Concello de Lalín, entre outras institucións, desde o seu retorno da emigración en 1984.
Foi destacado colaborador da Feira do Cocido, na súa condición de cartelista en 1992, de Comendador -nomeado na súa primeira edición, por méritos propios-, de deseñador da peza artística do “Testiño” (que se lle entrega aos gañadores do Premio Nacional de Periodismo Álvaro Cunqueiro e aos Premios de Gastronomía) e do pin do “Testiño”; de escribán oficial da Encomenda desde 2000 ata un ano antes do seu falecemento, autor tamén do Estadullo co que os Comendadores asinan a Encomenda; autor do logotipo do Seminario de Estudos de Deza, do medallón que entrega o Padroado Cultural de Lalín, ademais de elaborar distintas postais de Nadal para o Concello, entre outras moitas iniciativas que levou a cabo de xeito altruísta. Colaborou tamén coa publicación de varios traballos de ilustracións no anuario “Descubrindo”, deseñou o logotipo e agasallo institucional do CEIP Xesús Golmar de Lalín; o cartel do Certame de Bandas de Gaitas celebrado en Lalín.
Así mesmo colaborou na montaxe de exposicións, tanto individuais como colectivas, como por exemplo: “Lalín: Unha definición da arte actual” (1992) que sería a antesala da Bienal “Pintor Laxeiro”; “Artistas actuais no Camiño Xacobeo Ourense-Santiago”, no Castelo de Vilamarín (1993) na que participou en calidade de comisario da zona de Deza; “Os Laxeiros de Lalín en Lugo” (1996) pola que o Concello de Lalín cedeu a Lugo a súa colección.
Asiduo colaborador da “Bienal Pintor Laxeiro”, co Premio Pintura Escolar “Mestre Laxeiro” no que participa como xurado seleccionado a obra polos centros educativos de Deza nos anos 1996, 1998, 2000, 2002, 2004, 2006, 2008 e 2010, e co Certame de beléns e postais de Nadal no que tomou parte tamén como xurado durante varios anos recorrendo as parroquias participantes e os centros educativos. Doou obra para diversas exposicións benéficas e colaborou con colectivos, colexios e institucións en Lalín.
Pola Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño creada por Lareo en 1995 pasaron ducias de artistas plásticos de Lalín e Comarca, poñendo en marcha a Xuntanza Internacional das Artes Plásticas, a Forxa Literaria, realizando intercambios internacionais con Alemaña, Gales, Francia, Macedonia, Portugal e Brasil, sendo numerosos artistas de todos os campos os que participaron na intensa e proveitosa actividade cultural realizada nas instalacións desta Fundación en Piloño.
Ademais o Museo Municipal Ramón Mª Aller de Lalín ten acollido numerosas exposicións de pintura e escultura, con obras das Xuntanzas Obradoiro Internacional das Artes Plásticas, que vén realizando a Fundación anualmente. Precisamente entre o 13 de decembro de 2024 e o 13 de xaneiro de 2025 o Museo Municipal acollerá a xa XVI Xuntanza Internacional de Piloño.