- Os emprazamentos de Sello e Botos son unha medida provisional adoptada este ano para non perder a vez das ITV´s este ano que podería conlevar deixar de ter este servizo definitivamente
O alcalde de Lalín, José Crespo, avanzou hai uns días a intención de reunirse co máximo responsable das ITV´s móbiles a nivel Galicia para tratar de buscar unha solución á instalación da nova ITV agrícola en Lalín en determinadas localizacións, concretamente en Vilatuxe e en Cercio, polas grandes dimensións que presenta esta nova maquinaria e que impiden a súa instalación nos lugares habituais. Esta reunión vén de producirse na tarde onte por parte do rexedor; a tenente de alcalde, Paz Pérez, e o concelleiro de Obras, José Cuñarro, co director de estación das ITV´s móbiles, David Villar Pías.
Crespo explica que “lle transmitín persoalmente ao responsable das ITV´s o noso malestar pola improvisación coa que xestionaron a campaña deste ano e en especial pola supresión de determinadas ubicacións que causaron malestar de moitos veciños do rural”.
A este respecto o encargado das ITV´s incidiu en que non é posible instalar a actual ITV móbil nos espazos habituais onde se viña facendo (en Vilatuxe e Cercio) nin tampouco nos sitios que se lle propuxeron desde a Concellería de Obras tales como diante do local social de Vilatuxe ou diante da cooperativa de Cercio, pola pendente e inclinación que presenta o terreo, e que impiden o funcionamento axeitado desta nova unidade móbil de grandes dimensións.
David Villar Pías concretou que dita unidade precisa dunha explanada de 40 x 22 metros e completamente chaira e formigonada ou asfaltada e puntualizou que non vale nin zahorra nin terra, ao tempo que deixou claro que este ano resulta inviable desenvolver a campaña noutras ubicacións que non sexan Sello e Botos porque non se dispón de tempo material para cambiar as citas que xa teñen concertadas. Sinalou que en ambas as dúas localizacións as citas están xa esgotadas.
O alcalde de Lalín subliña que “finalmente chegamos a unha solución a aplicar xa desde o vindeiro ano e que permitirá restablecer o servizo de ITV tanto en Cercio como en Vilatuxe”. “Así en Vilatuxe, e tras ver in situ distintos sitios no que poder ubicar a unidade, chegamos ao acordo coa concesionaria da ITV de instalar a unidade móbil na estrada PO-203 no lugar dos Carballiños, para o que solicitaremos con tempo á Xunta de Galicia que nos deixe cortar esta vía durante os días en que se desenvolva a campaña”, concreta.
“No caso de Cercio a unidade establecerase na vindeira campaña na explanada privada que a cooperativa ten no lugar de Mato que a pon a disposición do Concello para o que levaremos a cabo o oportuno convenio de colaboración”, subliña. “Un xesto que lle agradecemos a esta cooperativa pola súa dispoñibilidade de ceder os seus espazos -dado que as ITVs teñen que establecerse en sitios públicos- para poder albergar a unidade de ITV, ao ser esta a única localización que cumpre coas condicións requiridas”, precisa.
Tal como expuxo o alcalde, Cercio e Vilatuxe son parroquias distantes coa base da ITV central sita no Polígono Lalín 2000, polo que é lóxico que se lle buscara unha solución. Así as ubicacións de Sello e Botos son unha medida provisional adoptada este ano para non perder a vez das ITV´s este ano, que podería conlevar deixar de ter definitivamente este servizo, pois hai que indicar que a ITV móbil agrícola ten todos os días do ano ocupados.