- A práctica totalidade está de acordo co proxecto e o nome das mesmas, excepto a área “Do Candán” que por unanimidade de todos os pedáneos da mesma decidiron nomeala “Entre Ríos”
- En canto á composición das áreas, houbo tres parroquias que solicitaron a posibilidade de pertencer a outra por ter vínculos directos con elas, suxestión que se estudará a viabilidade deste cambio de cara á redacción definitiva das mesmas
Logo dunha primeira reunión informativa sobre as áreas parroquiais mantida polo goberno co conxunto dos pedáneos o venres 7 de marzo, tras o acto inaugural do edificio polivalente da rúa Manuel Rivero, veñen de concluír as reunións desenvoltas cos pedáneos de cada unha das áreas parroquiais propostas, de xeito individual e detallado para presentarlle o alcance deste proxecto que na actualidade está en fase de elaboración, para ir concretando aspectos e á vez cumprir o obxectivo 10 do plan de Acción da Axenda Urbana de Lalín que é o de fomentar a participación cidadá no deseño, seguimento e avaliación de políticas públicas por parte da cidadanía.
Uns encontros de traballo que se desenvolveron ao longo da última semana, e nos que tomaron parte a tenente alcalde e responsable da Axenda Urbana, Paz Pérez; o concelleiro de Servizos, José Cuñarro; os edís delegados de área e a técnica coordinadora responsable da Axenda Urbana, Luisa Presas.
Nas oito reunións celebradas, unha por áreas, trasladóuselle que dada a elevada dispersión poboacional lalinense que suma 328 municipios rurais, establecéronse espazos comúns que actúen como vertebradoras dos veciños das parroquias comprendidas en cada área. A finalidade principal é dinamizar a área rural e poder levar a cabo actividades culturais, sociais e deportivas a todas as parroquias do concello mediante o establecemento das oito áreas parroquiais. A división baséase nunha análise ou diagnóstico previo da poboación, tendo en conta a franxa da idade, as necesidades específicas, a facilidade de desprazamento, proximidade e a posibilidade de implantar servizos.
A participación das persoas convocadas ás reunións foi dun 95%, e practicamente a súa totalidade está de acordo co proxecto e o nome das mesmas, excepto a área “Do Candán” que por unanimidade de todos os pedáneos da mesma decidiron nomeala “Entre Ríos”.
En canto á composición das áreas, houbo tres parroquias que solicitaron a posibilidade de pertencer a outra por ter vínculos directos con elas, suxestión que se estudará a viabilidade deste cambio de cara á redacción definitiva das mesmas.
INTERESE NA SÚA CREACIÓN E POSTA EN MARCHA
Polo xeral, a maioría das persoas asistentes mostraron interese tanto na creación destas áreas parroquiais, así como como en comezar a xestionalas, propoñendo ideas para levar a cabo en cada área, como a realización da matanza tradicional colaborando todas as parroquias da área, ao igual que a realización das carrozas para o desfile do cocido, que polo menos se fixera unha por área. Solicitaron a dinamización cultural das áreas enfocadas ás persoas máis maiores e buscar zonas comúns para acondicionar a fin de poder facer actividades. Tamén barallaron a posibilidade de crear unha festa gastronómica de cada área.
Ao remate dalgunha das reunións que se levaron a cabo, os propios pedáneos crearon un grupo de wassap de área para compartir ideas e ir traballando conxuntamente.
Todas as propostas aportadas foron recollidas para telas en conta na redacción definitiva do documento, ao igual que nos demais proxectos que se vaian levar a cabo nas áreas.