-
O Parque da Casa da Xuventude pasará a chamarse "Parque do Pintor Paco Lareo" en homenaxe ao multifacético artista dezao
-
O acto terá lugar ás 12 horas do sábado e é aberto á veciñanza
O próximo sábado, 23 de marzo, a partir das 12.00 horas do mediodía, terá lugar o acto de recoñecemento a Francisco Lareo Morao (Paco Lareo) ao que se lle dedicará, a título póstumo un espazo público na vila. Deste xeito, o parque situado nos arredores da Casa da Xuventude do Concello de Lalín pasará a denominarse “Parque do Pintor Paco Lareo”.
Dáse así cumprimento ao acordo plenario unánime do 29 de setembro de 2023 no que se aprobou unha proposta de Alcaldía para dedicarlle a Lareo a distinción de “Denominación de espazos públicos”, tras recibir o visto bo o informe favorable da Comisión de Honras e Distincións no que se fundamenta de xeito pormenorizado os méritos que o artista finado en 2012 posúe para este recoñecemento.
O acto de inauguración do “Parque do Pintor Paco Lareo” consistirá no descubrimento dunha escultura conmemorativa que levará unha placa cunha frase inédita de autoría de Paco Lareo. O acto, aberto á veciñanza, contará coas intervencións de Carmen Lareo, presidenta da Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño; e das autoridades do alcalde de Lalín, José Crespo, do conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, e dun representante do Concello de Vila de Cruces, concello natal do pintor Paco Lareo. Está prevista tamén a asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e de membros da Corporación Municipal lalinense, ademais de familiares, amizades e veciñanza.
Mediante esta distinción preténdese poñer en valor a figura de Francisco Lareo Morao (Piloño, Vila de Cruces, 1938-2012) artista e dinamizador cultural, finado en 2012, e que colaborou de forma continuada e desinteresada co Concello de Lalín, entre outras institucións, desde o seu retorno da emigración en 1984.
Foi destacado colaborador da Feira do Cocido, na súa condición de cartelista en 1992, de Comendador -nomeado na súa primeira edición, por méritos propios-, de deseñador da peza artística do “Testiño” (que se lle entrega aos gañadores do Premio Nacional de Periodismo Álvaro Cunqueiro e aos Premios de Gastronomía) e do pin do “Testiño”; de escribán oficial da Encomenda desde 2000 ata un ano antes do seu falecemento, autor tamén do Estadullo co que os Comendadores asinan a Encomenda; autor do logotipo do Seminario de Estudos de Deza, do medallón que entrega o Padroado Cultural de Lalín, ademais de elaborar distintas postais de Nadal para o Concello, entre outras moitas iniciativas que levou a cabo de xeito altruísta. Colaborou tamén coa publicación de varios traballos de ilustracións no anuario “Descubrindo”, deseñou o logotipo e agasallo institucional do CEIP Xesús Golmar de Lalín; o cartel do Certame de Bandas de Gaitas celebrado en Lalín.
Así mesmo colaborou na montaxe de exposicións, tanto individuais como colectivas, como por exemplo: “Lalín: Unha definición da arte actual” (1992) que sería a antesala da Bienal “Pintor Laxeiro”; “Artistas actuais no Camiño Xacobeo Ourense-Santiago”, no Castelo de Vilamarín (1993) na que participou en calidade de comisario da zona de Deza; “Os Laxeiros de Lalín en Lugo” (1996) pola que o Concello de Lalín cedeu a Lugo a súa colección.
Asiduo colaborador da “Bienal Pintor Laxeiro”, co Premio Pintura Escolar “Mestre Laxeiro” no que participa como xurado seleccionado a obra polos centros educativos de Deza nos anos 1996, 1998, 2000, 2002, 2004, 2006, 2008 e 2010, e co Certame de beléns e postais de Nadal no que tomou parte tamén como xurado durante varios anos recorrendo as parroquias participantes e os centros educativos. Doou obra para diversas exposicións benéficas e colaborou con colectivos, colexios e institucións en Lalín.
Pola Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño creada por Lareo en 1995 pasaron ducias de artistas plásticos de Lalín e Comarca, poñendo en marcha a Xuntanza Internacional das Artes Plásticas, a Forxa Literaria, realizando intercambios internacionais con Alemaña, Gales, Francia, Macedonia, Portugal e Brasil, sendo numerosos artistas de todos os campos os que participaron na intensa e proveitosa actividade cultural realizada nas instalacións desta Fundación en Piloño.
Ademais o Museo Municipal Ramón Mª Aller de Lalín ten acollido numerosas exposicións de pintura e escultura, con obras das Xuntanzas Obradoiro Internacional das Artes Plásticas, que vén realizando a Fundación anualmente. Precisamente entre o 13 de decembro de 2024 e o 13 de xaneiro de 2025 o Museo Municipal acollerá a xa XVI Xuntanza Internacional de Piloño.