- “Hamelin” de Redrum Teatro, con dirección e participación actoral lalinenses; “Boa sorte e mala fama” de Tarabela Creativa; “O Musical dos 80 aos 90” de Pares o Nones Producciones e “Bailador” de Óscar Lobos Compañía de Danza son os espectáculos que se representarán nos vindeiros dous meses
A iniciativa “Entre bambalinas”, programación municipal de teatro, maiormente, traerá a Lalín pezas destacadas da escenografía galega actual así como un musical. Así o anuncia a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que indica que esta programación iniciarase o venres, 5 de abril, coa obra “Hamelin” de Redrum Teatro, dirixida polo lalinense Álex Sampayo e na que tamén toma parte o lalinense Fran Lareu. Representarase ás 21 horas no Salón Teatro de Lalín. O prezo da entrada é de 5 euros, con venda anticipada no Museo Municipal.
Trátase dun espectáculo teatral escrito polo dramaturgo Juan Mayorga, que analiza as diferentes violencias que se poden chegar a exercer sobre os menores no actual contexto social. Consta cun elenco conformado por sete intérpretes: Fran Lareu, Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Belén Constenla, César Goldi, Rubén Porto e Mónica García. Este texto galardoado co Premio Max en 2006 supuxo a consagración definitiva do seu autor, Juan Mayorga, Premio Princesa de Asturias das Letras no ano 2022. A obra ten unha duración de 90 minutos e está dirixida a un público adulto.
O venres 26 de abril será a función de “Boa sorte e mala fama” de Tarabela Creativa, ás 21 horas no Salón Teatro de Lalín. O prezo da entrada é de 5 euros con venda anticipada no Museo. É unha traxicomedia en galego dirixida por Carmen Conde, que tamén participa na representación (narración oral), xunto a Mariña Pena (elenco) e Nastasia Zürcher (música ao vivo). Combina a narración oral, a música en vivo e a interpretación actoral. Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.
“O musical dos 80 aos 90” de Pares o Nones Producciones chegará ao Salón Teatro o venres 10 de maio ás 21 horas. A venda física terá lugar no Museo Municipal e a venda online en ataquilla.com. A anticipada terá un prezo de 15 euros e en taquilla, 18 euros. Trátase dunha comedia musical de moda de case dúas horas de duración cantando, bailando e desfrutando a través da historia do reencontro de seis amigos do instituto nos anos 80 e 90.
O venres 24 de maio tomará escena “Bailador” de Óscar Cobos Compañía de Danza. Ás 21 horas na Praza da Igrexa con entrada gratuíta. É unha peza de danza galega contemporánea baseada nas músicas de Berrogüetto, una obra coreográfica que rende unha profunda homenaxe a nosa danza de raíz e a un grupo que transformou o modo de entender e interpretar a música tradicional. A peza é unha mostra de admiración e agradecemento a todas as mulleres que transmitiron a nosa danza de raíz.