- No Pazo de Liñares están dispoñibles os seguintes recursos expositivos: a colección A. Chaves do Museo Galego do Xoguete; a colección do Museo Galego da Marioneta; a sala Xoaquín Loriga; a sala Hilgen, e a exposición “Recuperando o pasado”, do Centro de Xestión do Coñecementos Arqueolóxico da Deputación de Pontevedra, remarca
- No Museo Municipal tamén se pode ver a permanente de Laxeiro
Acisclo Manzano será o próximo artista (escultor, como el se denomina a si mesmo) que contará cunha exposición no Museo Municipal Ramón Mª Aller ao alcance de lalinenses e visitantes entre o 19 de abril e o 30 de xuño. Así o anuncia a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que dá a coñecer os proxectos expositivos que haberá neste espazo municipal nos próximos meses dentro do programa “Lalín con Arte”.
Así Blanco explica que tras a de Acisclo Manzano, recalará no Museo Municipal a mostra da IV Algabaría que se poderá ver do 2 ao 30 de agosto, mentres que do 13 de setembro ao 30 de novembro o protagonista será Antonio Taboada “Wily” coa mostra “Wily, sempre Wily”. Xa no treito final de ano e comezos do que vén desenvolverase a XVI Xuntanza Internacional de Piloño entre o 13 de decembro e o 13 de xaneiro.
A todas estas exposicións, subliña Blanco, hai que engadirlle a permanente sobre Laxeiro que está dispoñible na segunda planta do Museo Municipal.
Dentro de “Lalín con Arte” tamén incluímos os recursos expositivos dispoñibles no Pazo de Liñares: a colección A. Chaves do Museo Galego do Xoguete; a colección do Museo Galego da Marioneta; a sala Xoaquín Loriga; a sala Hilgen, e a exposición “Recuperando o pasado”, do Centro de Xestión do Coñecementos Arqueolóxico da Deputación de Pontevedra, remarca.