- A entrega de premios terá lugar o venres, 8 de Marzo, ás 20.30 h no vestíbulo do Concello
Laura Calvo Cobela pola Clínica Laura Calvo; Gumersinda Isabel Couso Carballude, mestra xubilada, e Marta Maceira Ansedes resultaron gañadoras do XVIII Premio ás Mulleres “Dna. Maruja Gutiérrez” 2024, promovido polo Concello, a través das Concellerías de Igualdade e Comercio do Concello de Lalín con motivo do 8 de Marzo “Día Internacional da Muller” e dirixido a distinguir a profesionalidade, a capacidade de iniciativa empresarial e a traxectoria persoal e profesional das mulleres lalinenses no 2024.
Este premio nace coa finalidade de difundir as achegas das mulleres lalinenses á sociedade, promovendo a transformación de estereotipos sexistas e rachando coas situacións de discriminación por razón de xénero, así como para estimular e recoñecer o esforzo e a traxectoria de mulleres que están desenvolvendo un labor importante e relevante no ámbito da igualdade de oportunidades a fin de que sirva de exemplo para toda a sociedade, especialmente para as novas xeracións de mulleres.
Os ditos premios serán entregados nun acto público que terá lugar o venres, 8 de Marzo, ás 20.30 h, no vestíbulo do Concello e que se enmarca dentro das actividades do Concello de Lalín organizadas con motivo do “Día Internacional da Muller”.
Cómpre destacar que o xurado escolleu as candidaturas gañadoras entre as presentadas no transcurso dunha reunión celebrada o 1 de marzo.
Laura Calvo Cobela, pola Clínica Laura Calvo recibirá o premio na categoría de “Xove Empresaria”. O xurado acordou tamén outorgar o Premio “Dna. Maruja Gutiérrez” na modalidade de “Toda unha vida” á mestra xubilada Gumersinda Isabel Couso Carballude e a Marta Maceira Ansedes, pola empresa Studio78Dance&Fitness na categoría de traxectoria de “Mulleres en movemento”.
O histórico de gañadoras nas dezasete edicións suma máis de sesenta mulleres lalinenses recoñecidas co “Dna. Maruja Gutiérrez”.