O 26 de febreiro estivo unha unidade en Maceira, por segundo ano, dando resposta a unha petición unánime municipal
O edil explica que “este ano ao incorporar a empresa Supervisión y Control unha unidade móbil de grandes dimensións houbo que buscar lugares alternativos aos habituais de Vilatuxe e Cercio ao non ser aptos por falta de espazo”
“Das propostas de emprazamento que lle trasladamos á empresa, que foron varias, Supervisión y Control elixiu a estación de Botos para a unidade móbil que dará servizo á zona de Vilatuxe e a explanada do centro social de Sello para a da zona de Cercio”, sinala
Logo de que unha unidade móbil de ITV agrícola se desprazase á zona de Maceira o pasado 26 de febreiro por segundo ano e dando resposta a unha petición unánime da Corporación municipal, o concelleiro de Obras e Servizos, José Cuñarro Torres, informa das próximas visitas da unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas ao noso municipio neste 2024, que se realizarán ao longo do mes de marzo e comezos de abril.
Cuñarro explica que “este ano e por decisión da empresa Supervisión y Control S.A., prestadora do servizo, que incorpora unha unidade móbil de grandes dimensións que substitúe á anterior moito máis pequena, non se pode levar a cabo a inspección nos lugares habituais de Vilatuxe e Cercio ao non ser aptos para esta unidade por falta de espazo”.
“Diante desta situación desde o Concello estivemos traballando nos últimos días para buscar localizacións alternativas nas que si se poida desenvolver este servizo, necesario para os nosos gandeiros, e propuxémoslle varios sitios en cada unha destas parroquias onde si tería cabida esta maquinaria de grandes dimensións”, explica o edil. “Das propostas de emprazamento que lle trasladamos a Supervisión y Control, a empresa elixiu a estación de Botos para asentar a unidade móbil que dará servizo á zona de Vilatuxe e a explanada do centro social de Sello para a unidade móbil da zona de Cercio, descartando os outros sitios ao non adaptarse ás dimensións mínimas, polo desnivel do terreo ou por non dispor de baños para o persoal, etc.”, subliña.
O responsable municipal avanza que o calendario de datas e localizacións é o seguinte:
- ANZO (xunto ao centro social): 18 de marzo, en horario de 9 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 h.
- SELLO (xunto ao centro social, unidade que dará servizo á zona de Cercio): do 19 ao 21 de marzo, en horario de 9 a 13. 30 horas e de 15.15 a 18 horas.
-BOTOS (estación de tren, unidade que dará servizo á zona de Vilatuxe): 22 de marzo de 9 a 13.30 horas e 1 de abril en horario de 9.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18 horas.
Para solicitar cita previa hai que chamar por teléfono ao 902 30 90 00 ou a través da páxina web www.sycitv.com