Begoña Blanco que visitou esta mañá este centro educativo sinala que “nestes momentos están a comezar as obras de remodelación integral do salón de actos que darán servizo ao propio colexio e tamén á Banda de Prado”
A concelleira de Educación, Begoña Blanco, visitou esta mañá o CEIP Xoaquín Loriga de Prado onde se veñen de completar as obras que se fixeron no espazo Concilia. A última das actuacións que se fixo neste servizo foi a construción dunha cociña nova, á que se dotou de tanto de electrodomésticos como de mobles, ademais de poñerlle un terrazo novo ao chan.
“Unha cociña que dará servizo aos nenos/as para que poidan tomar os seus almorzos e merendas quentes”, precisa Blanco, ao tempo que indica que “nestes momentos estanse comezando a executar as obras de remodelación integral do salón de actos deste colexio”. Unhas actuacións que abranguerán: o cambio da tarima, o aumento da superficie do escenario, colocación de novas fiestras, substitución das luminarias existentes por outras novas, remodelación dos baños, melloras de accesibilidade e pintado de todo o recinto. “En definitiva, trátase dunhas obras integrais do propio salón de actos que van dar servizo tanto ao colexio como a Banda de Prado”, remarca Blanco.