- O Museo Galego da Marioneta e do Xoguete (Colección A. Chaves) é un dos máximos reclamos para coñecer o Pazo, que ofrece unha sala dedicada a Loriga, outra a Hilgen, ademais de funcionar como un espazo multifuncional, cultural e artístico
- Tanto o número de excursións organizadas, actos e eventos de todo tipo como as visitas ordinarias asentan xa un precedente que dan unha idea do valor cada vez máis en progresión ascendente do Pazo de Liñares
O Pazo de Liñares recibiu ao longo de 2023 un total de 9.214 visitas, a cifra máis alta das rexistradas desde a súa apertura en 2014 -superando os niveis de antes de pandemia- e que consolida a este Ben de Interese Cultural (BIC) adquirido, restaurado e posto en valor polo Concello como un referente turístico de primeira orde mimetizado na contorna cultural, gastronómica e turística da zona, interrelaciónandose entre todas as ofertas para unha promoción conxunta que está dando resultados moi positivos.
Dos 9.214 visitantes é de destacar que o 4,55% (419) proceden do estranxeiro; o 17,89% de distintos puntos de España; o 20,24€ de Lalín e o 57,41% doutros puntos de Galicia. Así mesmo da totalidade 8.109 visitantes foron persoas adultas e 1.105 menores.
Da totalidade das visitas, 2.388 persoas participaron en excursións (con 193 alumnos/as); 1.062 en diversos actos e 290 en vodas. Así mesmo tamén se desenvolveron outros 304 eventos que fan referencia a participantes en actividades como sesións fotográficas, gravacións, reportaxes e xogos.
Tanto o número de excursións organizadas, actos e eventos de todo tipo como as visitas ordinarias asentan xa un precedente que dan unha idea do valor cada vez máis en progresión ascendente do Pazo de Liñares.
Unha promoción turística da man do Concello de Lalín, da Deputación e de diversas entidades pero tamén do boca a boca das redes sociais, internet e recursos como o Google Maps, que contribúen a atraer novos visitantes e a contribuír á importancia que está adquirindo o Pazo de Liñares e o Museo Galego da Marioneta e do Xoguete. Este último, o da Colección A. Chaves, é un dos máximos reclamos e motivacións para vir coñecer Liñares, a súa contorna e desfrutar da oferta turística que proporciona o Concello de Lalín. De feito hai xa varias dirección recoñecidas nos buscadores de internet: Pazo de Liñares e Museo Galego do Xoguete e da Marioneta. Un centro museístico referente con máis de 1.000 pezas, moitas inéditas, e que leva ao visitante a unha viaxe pola historia do xoguete, da infancia e do xogo.
Na parte dedicada á Marioneta recolle unha representación de pezas e montaxe máis destacadas de compañías de toda Galicia exhibindo as súas pezas máis destacada na súa traxectoria. Tamén se atopa unha peza autómata, inspirada no manual do clérigo Domingo Martínez de Presa, de 1662, creada ex profeso para Liñares e que reproduce un baile da época renacentista.
Liñares tamén se configura como un espazo multifuncional, cultural e turístico no que se desenvolven vodas, presentacións de libros, charlas, cursos, eventos, sesións de fotos, coloquios, entre outros tipos de actividades.
Casa natal do aviador Joaquín Loriga Taboada, Fillo Ilustre do Concello de Lalín, pioneiro da aviación civil e primeiro piloto de probas do “autoxiro” de De la Cierva, que conta cunha sala enteira dedicada a el e con moita información (fotografías, vídeo e unha pantalla táctica con todo tipo de información sobre o seu raid Madrid-Manila).
Tamén hai outra sala adicada ao xeólogo Jan Dirk Hilgen que destaca pola mostra de parte dos seus microscopios e minerais deste xeólogo holandés con estreita vinculación lalinense.
Parte a destacar no Pazo de Liñares son o seu Salón Nobre, a solaina que é unha das máis grandes dos pazos de Galicia, e a lareira, cunha das chemineas máis grandes que se poden atopar na arquitectura pacega.
O Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico e a súa exposición permanente completan a oferta plural e diversa que o Pazo de Liñares pode ofertar ao visitante.