Das actuacións totais, 670 correspóndense coa intervención en distintos operativos
No apartado de emerxencias cómpre sinalar que se produce un aumento importante de servizos relacionadas coas vespas velutinas, sendo agosto o mes con maior número de intervencións deste tipo
Protección Civil-Emerxencias Lalín realizou en 2023 un total de 1.526 servizos, o que supón unha media de 4,18 servizos diarios, confirmando unha consolidación que se vén producindo desde a estabilidade numérica dos seus compoñentes. Isto quere dicir que cada un dos 9 efectivos do servizo municipal de Emerxencias desenvolveron un promedio de 169 actuacións ao ano nunha zona de cobertura que alcanza os concellos da Comarca de Deza.
Cómpre sinalar o aumento considerable de actuacións en situacións de urxencia debido á realización de quendas de garda que posibilitan a cobertura as 24 horas. Atendéronse un total de 784 urxencias, 62 máis que no ano 2022. Agosto foi o mes no que se rexistrou maior número de urxencias cun total de 128, en gran medida polo incremento durante ese mes dos avisos para neutralizar os niños de velutina.
As emerxencias son actuacións levadas a cabo sobre todo para evitar accidentes de circulación. Moitas veces derívanse de restos de hidrocarburos derramados con motivo dalgún accidente, outras veces pola invasión na calzada de obxectos coma árbores, postes de luz e/ou teléfono, carteis publicitarios, etc. En 2023, no relativo a actuacións de emerxencias en vías de comunicación realizáronse 19 servizos máis que en 2022, unha tendencia á alza que se consolida, xa que cada vez hai máis problemas derivados dos temporais en calquera época do ano e tamén máis árbores á beira das vías de comunicacións que están acadando grandes dimensións.
No apartado de emerxencias derivadas dos servizos relacionados con animais soltos, feridos ou mortos cómpre sinalar que se produce un aumento importante de servizos relacionadas coas vespas velutinas (172 fronte aos 63 do ano anterior), malia a que temos vixente o convenio coa Xunta para este fin onde a cidadanía pode chamar ao 012 para a retirada de niños. Inda así Emerxencias-Protección Civil está a realizar bastantes intervencións derivadas do 012. Algunhas destas actuacións teñen que ver con animais soltos (feridos ou mortos por accidentes de circulación) pero a maioría das veces están relacionadas con cans, perdidos ou abandonados.
Seguindo no apartado de emerxencias este servizo supramunicipal atendeu 38 incendios, coordinados coa central de incendios forestais da Consellería de Medio Ambiente da Xunta a través do seu distrito en Lalín. Acudiuse en situacións nas que ese servizo se ve desbordado pola coincidencia de varios incendios ao mesmo tempo ou pola perigosidade dalgún que puidera afectar a bens materiais e/ou humanos á parte dos forestais. Neste ano non se produciu ningún incendio forestal declarado de situación 2 por mor da súa perigosidade.
Nos incendios urbanos colabórase co Parque Comarcal de Incendios e Salvamento do Deza-Tabeirós, prestándolle colaboración para chegar algúns minutos antes, que soen ser importantes para o desenvolvemento da intervención. Rexistráronse 3 en colectores de lixo e dentro das vivendas que afectaron maiormente a lareiras, cociñas e chemineas e a 6 coches ou tractores.
Así mesmo e continuando coas actuacións de emerxencias, no Plan de nevaradas e xeadas inclúense os servizos relacionados cos temporais de frío, que ocasionan neve ou xeadas. Cóntase cun vehículo preparado con coitela e un esparexador de sal. Os días con previsión de problemas na circulación de vehículos e de peóns comézase a xornada de traballo un pouco antes do habitual para tratar de eliminar esas placas de xeo que se forman en tramos de estradas perigosas, rotondas, costas, entradas dos edificios máis concorridos coma colexios, ambulatorios, etc.
A maiores Protección Civil-Emerxencias Lalín presta servizo en operativos programados para actividades deportivas e eventos públicos como festas, actividades deportivas e espectáculos públicos que demandan unha cantidade de persoal importante para poder desenvolverse coas condicións de seguridade aconsellables, tendo en conta que en ocasión teñen lugar varios nunha mesma xornada ou se solapan coa atención de emerxencias.
Traballo destacable de Agrupación de Voluntarios
Hai que sinalar que para operativos programados Protección Civil-Emerxencias Lalín viuse reforzado pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) que contou con 14 efectivos que participaron polo menos nalgunha actividades durante este ano 2023, alcanzando a importante cifra de 115 servizos. Esta cifra supón que participaron no 7,5% dos operativos ademais de en 35 das 784 urxencias. Un traballo encomiable o da AVPC que se está a implicar de maneira exemplar.
Tipoloxía de intervencións
Dos 1.526 servizos, 670 corresponden a actuacións de participación en distintos operativos entre eles:
- Colaboración en servizos sociais: un total de 7. Un servizo que se vén prestando desde xa hai bastantes anos e o máis salientable é a tarefa de reparto de alimentos.
- Control de tráfico de entradas e saídas do colexios: 135. Actuacións encamiñadas a evitar posibles atropelos e de concienciación da cativada respecto da conveniencia de usar os pasos de peóns. Ao mesmo tempo é moi importante o apoio á Policía Local no seu labor de facilitar a fluidez do tráfico.
- Seguridade de espectáculos públicos: 38. Actuacións que se acostuma planificar coa suficiente antelación e na que se toman todas as medidas ao alcance para que se poidan desenvolver dun xeito o máis satisfactorio posible en canto á seguridade de todos os que participan, sobre todo do público en xeral, xa que normalmente trátase de aglomeracións de persoas e todos sabemos que os riscos se multiplican nestes casos.
- Concertos de música en recintos pechados ou abertos, tanto no auditorio municipal con capacidade para 500 persoas como no Lalín Arena con capacidade de máis de 2.500 persoas.
- Eventos con aglomeracións de persoas como poden ser a Cabalgata de Reis, a Matanza Tradicional do Porco, a Feira do Cocido, a Feira do Cabalo, a procesión de Corpus, a Romaría da Terceira Idade, a Malla Tradicional, a procesión das Festas das Dores ou o lanzamento dos fogos de artificio, entre outros.
- Seguridade en actividades deportivas e lúdicas: inclúense partidos de competición oficial como fútbol, balonmán, baloncesto, rugby, Rally do Cocido ou marchas e rutas de cabaleiros, entre outras.
- Actividades de formación: 2023 foi un ano que se retomaron considerablemente a cantidade de tempo empregado na formación propia. Desenvolvéronse actividades de formación en base que se organizan por e para os voluntarios da Agrupación de Protección Civil; cursos organizados pola Academia Galega de Seguridade que se fixeron en exclusiva para os compoñentes do servizo (GES, Emerxencias e AVPC) que foron posible grazas á colaboración dun convenio de colaboración entre Concello e a AVPC.
Dentro da formación ao cidadán destacan simulacros, xornadas e xogos dirixidos a cativos dentro das actividades de campamentos organizados polo Concello, actividades de formación nalgúns colexios e talleres en cursos para persoas desempregadas e outras asociacións. Indicar que desde Emerxencias-Protección Civil están abertos a calquera solicitude que lle poidan formular asociacións de veciños dentro dalgún programa de actos culturais para o profesorado e o alumnado nos centros educativos porque se considera que con estas actividades se fomenta a cultura da autoprotección.
Por último é de destacar as conferencias abertas ao público en xeral e especialmente para senderistas e deportistas ao aire libre.
Procedencia das alertas
Cómpre destacar que case a metade das chamadas que chegan ao servizo de Emerxencias son a través do Centro de Atención de Emerxencias CAE-112, un total de 407 este ano, seguido dos particulares que son 234 avisos, a Policía Local 132 e só en 4 ocasións alertados pola Garda Civil que cando necesitan estes servizos soen solicitalos a través do 112.
Chama a atención a cantidade de avisos recibidos directamente por particulares. O veciño en lugar de alertar ao 112 está utilizando medios como chamar ao Concello ou directamente a algún concelleiro, sobre todo cando se trata de emerxencias relacionadas coa circulación: árbores ou postes caídos nas estradas, buratos, anegamentos, etc. Desde Protección Civil-Emerxencias Lalín agradécese á veciñanza e aos membros doutros corpos de seguridade que utilizaron este medio par alertar sobre calquera circunstancia que procure unha sociedade máis segura.
Actuacións de apoio municipal
Por último, Emerxencias-Protección Civil levou adiante 132 apoios ao Concello. Trátase de actividades nas que se colabora con outros departamentos municipais para axudarlles no desenvolvemento de tarefas que por si sós serían incapaces de realizar, véndose abocados a depender dun servizo externo. Estes labores de apoio realízanse unicamente polos membros que teñen a condición de traballadores contratados polo Concello, nunca con voluntarios.
Esta colaboración préstase co único obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida dos cidadáns do noso municipio incrementando e mellorando a resposta ás súas demandas. Exemplos destas actuacións son: lavadura de pistas, rúas, parques infantís, carga, descarga, montaxe e reparación de carpas, cadeiras, mesas, mobiliario urbano e outros servizos de diversa índole.