- Os bens, que xa son de titularidade municipal dende que se asinara ante notario a cesión con Jorge Atán en representación da Xunta, teñen un valor que supera os 700.000 euros.
- O edificio de Expodeza quedará liberado para os usos que estime o Concello en canto se remate o edificio de Medio Rural.
- A parcela do polígono de Botos terá como única finalidade a de almacén e nave de maquinaria das propiedades municipais.
O alcalde de Lalín, José Crespo, asinou antonte co secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, Jorge Atán, a cesión por parte da Xunta de Galicia ao Concello de Lalín de dúas parcelas cuxo valor económico supera os 800.000 euros e que pasan a incorporarse e a incrementar o importante patrimonio municipal. Os predios e as edificacións que se ceden son a A-26 do Polígono Lalín 2000, que ocupa o edificio de Expodeza e que dende onte xa é de titularidade municipal, aínda que seguirá ocupada por Medio Rural ata o remate das obras do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lalín, e a parcela número 18 do Polígono de Botos, excluíndo a casa alí situada e que será utilizada polos equipos de traballadores do Taller de Maquinaria que se sitúa colindante á parcela cedida para o Concello.
A parcela A-26, co edificio de Expodeza, que pasa a ser de titularidade do Concello dende a sinatura de onte, conta con 3.216 metros cadrados de superficie na fachada do polígono Lalín 2000 que da á N525. Conta cunha superficie construída de 738 metros cadrados que corresponden ao edificio principal de Expodeza repartido en dúas plantas (443 corresponden á zona de exposición, recepción e entrada e 228 corresponden a oficinas, despachos e salas de reunión). A maiores, conta cun aparcamento semicuberto que totaliza 210 metros cadrados. Esta parcela e as construcións coas que contan computan un valor a efectos fiscais de 547.727 euros.
No documento de cesión contémplase unha “reserva do uso temporal do inmoble a favor da Consellería de Medio Rural ata o remate da construción das novas dependencias admnistrativas”.
CUMPRIMENTO DUN VELLO ANCEIO
O rexedor amosou a súa satisfacción porque “quede totalmente formalizada a cesión e o Concello de Lalín conte cun edificio desta prestancia, en condicións moi aceptables de conservación, e que se poderá dedicar ao servizo tanto do Concello como dos empresarios que teñen a súa sede no polígono Lalín 2000”. O conseguir este edificio no Polígono Lalín 2000 “era un vello anceio que se materializa ao mesmo tempo que a execución dunha obra necesaria para Lalín como é o edificio administrativo da Xunta que centralizará os servizos de Medio Rural.
A segunda das parcelas cedidas no día de onte sitúase no polígono de Botos e conta con 4.928 metros cadrados que tamén son xa de titularidade municipal. Cun valor de 167.443 euros, enclávase en pleno parque empresarial e ao pé da finca que ocupa o taller de maquinaria da consellería de Medio Rural que xa está operativo. Conforme recolle o documento de cesión, esta parcela debe ser dedicada a parque de maquinaria e almacén municipal o que ven a ampliar o espazo que para estes usos tiña o departamento de obras.
MÁIS DE 700.000 EUROS DE VALORACIÓN
O rexedor agradeceu a boa vontade do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, que atendeu a petición de dispor de parte da parcela que a Xunta tiña para a nave de maquinaria para instalar alí os almacéns e a nave municipal de maquinaria e a cesión de Expodeza en contraprestación aos metros que non se utilizarán por parte do Concello no edificio administrativo que se está a construír.
Ambas parcelas e as súas edificacións, que xa están incorporadas ao patrimonio municipal, superan os 700.000 euros de valoración e supoñen un incremento importantes nos ben propiedades da entidade municipal