Dará comezo ás 18 horas e terá unha duración aproximada de dúas horas
A entrada simbólica é de 5 euros e contarase coas actuacións de: Amigos Acordeón de Celanova; Susu Ferreiós (Boiro); Juan José Mariño (Poio); Terras do Miño (Lugo); Cristo Cristini Crucianelli (Bulgaria); Antonio Barros e Ialma (Mos) e Acordeóns de Lalín
Promovido pola asociación Acordeóns de Lalín a través das cabezas visibles Maximino Míguez e Juan Ruibal, e coa colaboración do Concello de Lalín e da Xunta (Consellería de Cultura), o próximo domingo, 25 de febreiro, desenvolverase o II Festival Internacional Acordeóns de Lalín, cunha duración aproximada de dúas horas.
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco sinala que “se trata dunha actividade importante que o ano pasado funcionou moi ben, co Salón Teatro cheo de xente, polo que tiñamos claro continuar apoiándoa”. “Sorprendeunos moi gratamente porque ademais Maximino e Juan son dous artistas que se entenden moi ben entre eles, ademais de que Juan combina moi ben o humor e a profesionalidade musical, o que lle dá un aporte adicional ao festival”, remarca. Blanco avanza “algunha sorpresa desde o Concello que se desvelará o propio día”.
Blanco indica que “agardo que ese día a xente vaia ao Auditorio, que compre a súa entrada a un prezo simbólico porque ese diñeiro irá destinado á propia asociación”. “Desde o Concello brindamos apoio loxístico para este Festival Internacional no que contamos con sete actuacións: de Bulgaria, de Mos, de Poio, de Lugo, de Boiro, de Celanova e de Lalín”, precisa. “Unha actividade que atrae un público importante e que contribúe á dinamización do pobo”, afirma.
Maximino Míguez explica que “actuará o grupo Amigos do Acordeón de Celanova, un grupo de 18 persoas que xa levan tempo tocando. O segundo participante é Susu Ferreirós, que é de Boiro, que foi e segue sendo meu profesor, e é un músico moi destacado. O terceiro, Juan José Mariño ten unha escola en Poio cuns cen alumnos, dos mellores de Galicia”.
“Temos outra primicia: Terras do Miño que son moi bos, xente moi profesional, grupo de seis persoas, entre as que se atopa Begoña López Darriba que eu a considero número 1 de Galicia. Gañou o Campionato de España no ano 1973”, precisa.
Ruibal precisa que “Cristo Cristini Crucianelli é búlgaro, xa nos visitou o ano pasado e quedou de vir. Actuaremos os dous o día 17 de febreiro en Granada, el representando a Madrid e eu representando a Galicia”.
Míguez tamén anuncia que “vai vir Antonio Barros e Ialma (a súa dona, que toca o piano), grandes artistas de Mos. Fixo varios concursos de televisión e este ano quedou sendo o sucesor de Juan Pardo. Interpretará algunha peza de Juan Pardo”. “E, por último, Acordeóns de Lalín que somos 6, e facemos música popular galega”, puntualiza.
“Convidamos a todo o mundo a participar e que se encha o Auditorio como o ano pasado”, explican Ruibal e Míguez. “As entradas son a 5 euros, cantidade simbólica, e poranse á venda proximamente”, indica. Deron as grazas ao Concello polo “apoio incondicional e por facilitarnos o desenvolvemento do Festival”.