Dos lalinenses que se uniron ao hábito lector o pasado ano, 143 corresponden cun perfil infantil, 159 de adultos e 38 público xuvenil
O trámite para facerse socio/a é sinxelo e gratuíto e faise nuns poucos minutos no propio centro. O carné de socio é válido para toda a Rede de Bibliotecas de Galicia
Desenvolveu diversidade de actividades ao longo do ano para contribuír a que sexa coñecida por un maior volume de xente: actividades que tiveron lugar tanto dentro das súas propias instalacións como charlas ou cursos ou tamén actividades de extensión cultural como poden ser visitas aos colexios da Comarca, actividades de animación lectora, exposicións temáticas ou sorteos de lotes de libros, entre outras
A Biblioteca Municipal Varela Jácome ten a día de hoxe 3.863 persoas usuarias, sumando 340 novos/as socios/as o pasado ano, dos que 143 se corresponden cun perfil infantil, 159 con adultos e 38 novas inscricións son de lectores/as xuvenís. Por treitos de idade, a biblioteca ten activos un total de 635 socios de infantil (de 0 a 13 anos); 1.297 de xuvenil (de 14 a 17 anos) e 1.931 de persoas adultos (máis de 18 anos).
Cómpre indicar que as preto de catro mil persoas usuarias co seu carné de socio poden realizar calquera das operacións permitidas neste centro municipal, que abranguen desde o servizo de información xeral, ao de consulta e lectura ou ao de préstamo persoal, entre outros.
O proceso para facerse socio/a da biblioteca consiste nun trámite gratuíto e sinxelo que é válido para calquera biblioteca que estea integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia: cubrir un impreso con datos básicos (nome, apelidos, data de nacemento, DNI ou pasaporte se se ten máis de 14 anos e teléfono) acompañado dunha foto que xa lle fan na biblioteca no momento de inscribirse, imaxe que anexar a súa ficha.
É tamén recomendable que a persoa usuaria dos servizos bibliotecarios facilite aos profesionais do centro un correo electrónico, xa que ao telo o propio programa de xestión integrada, Koha, lle envía información dos préstamos que fagan, os atrasos en devolucións, etc. Este carné é gratuíto e válido para toda a Rede de Bibliotecas de Galicia que suma case trescentos centros repartidas por todo o territorio.
Libros máis lidos
As seccións máis consultadas en 2023 por grupos de idades foron:
-Dentro dos libros infantís os de dinosaurios e os cómics en xeral. O Bolechas de Pepe Carreiro segue a ser un clásico con moito tirón sobre todo entre a cativada, e este ano con motivo das Aldeas de Nadal, tamén se prestou moito o libro “Alma de Nadal” de autoría de Charo Golmar e ilustrado por Olalla Garra.
-A franxa de idade comprendida entre os 13 e os 17 anos recorren a lecturas obrigatorias e optativas que lles recomendan nos seus centros educativos, pero este ano tiveron moito auxe os libros de Joana Marcús, escritora de ciencia ficción e romance xuvenil.
-No grupo de persoas adultas o máis lido segue a ser a novela, principalmente os libros de Juan Gómez Jurado, Carmen Mola, Elisabeth Benavent e Santiago Posteguillo, sen esquecernos dos Premios Planeta. Tamén teñen éxito os libros de autoaxuda (Marian Rojas Estapé, Rafael Santandreu…).
En canto ás actividades recíbense a visita dos colexios da Comarca e lévanse a cabo tres actividades dentro do programa Ler conta moito, estas celebráronse no Salón Teatro por motivos de espazo.
Así mesmo, tamén se celebraron distintas efemérides (Día de Rosalía, de Neira Vilas…) mediante exposicións e sorteo das cestas de Nadal, agasallo de marcapáxinas, decoración e ambientación da biblioteca con motivo do Entroido, Samaín...
O salón de actos da biblioteca acolle tamén todo tipo de charlas e reunións ao longo de todo o ano, e a sala de infantil tamén se reservou para diversos colectivos.
Desideratas e adquisicións
Cómpre indicar que cando algún usuario/a achega á Biblioteca Municipal algunha suxestión de libros que lle gustaría ler inténtase adquirilos. Todos os usuarios teñen á súa disposición na biblioteca unhas follas nas que poden escribir as súas desideratas (e nas que fan as recomendacións de distintos materiais para que as bibliotecas os compren) e tamén poden achegar as súas solicitudes a través do programa Koha. Cada dous meses aproximadamente estúdanse as peticións recollidas a efectos da súa posible adquisición.
Indicar con respecto ás adquisicións que nos últimos anos se están mercando unha media duns 300 libros ao abeiro das subvencións da Xunta para o programa “Mellora das coleccións” e “Novidades editoriais en galego”.
O horario habitual da biblioteca é de 09:00 a 21:00horas de luns a venres e o sábado de 10:00 a 14:00 horas, sendo unha das bibliotecas municipais de Galicia con horario máis amplo.