Os dez alumnos/as da especialidade de atención sociosanitaria formarase ata xuño para despois realizar ata finais de novembro atención domiciliaria, en centros sociais e residencias.
Os outros dez alumnos/as de xardinería compaxinarán a formación teórica co acondicionamento de diversas zonas axardinadas do Concello con case 9 hectáreas
O alumnado de “Lalín Verde”, das dúas especialidades que inclúe este obradoiro (atención sociosanitaria e xardinería) que se iniciou a comezos de decembro, recibiu xa a maioría da formación complementaria prevista nas materias de prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental e formación para a igualdade. Así o sinala a edil de Emprego, Beatriz Canda, que explica que “os dez alumnos/as de cada unha das seccións terán en adiante unha dinámica de funcionamento moi diferente, especialmente na distribucións dos tempos de formación e dos traballos realizados”.
“Deste xeito o alumnado da rama sociosanitaria formarase ata mediados de xuño para despois dedicar todo o tempo aos traballos contemplados no proxecto que se desenvolverá ata o 30 de novembro centrados en atención domiciliaria, atención en centros sociais e atención en residencias”, sinala.
Dentro do programa de acompañamento e respiro familiar realizarán actividades como aseo e coidado persoal, mobilización dentro do fogar, preparación de alimentos, limpeza e mantemento do domicilio entre outras. Tamén se levarán a cabo talleres de memorias, lectura de prensa ou introdución ás novas tecnoloxías da información para persoas maiores de 65 anos nalgúns centros sociais.
“Doutra parte a sección de xardinería vai seguir o esquema normal do obradoiro, é dicir, combinar teoría coa realización do traballo asignado que abranguen o acondicionamento de diversas zonas axardinadas do Concello con case 9 hectáreas de terreo”, precisa.
“Neste momento están coa formación teórico-práctica do certificado e ademais limpouse a zona dos muíños de Pontiñas de follas e colocáronse todos os carteis identificativos dos parques comprendidos na obra”, subliña. “En febreiro comezarán a acondicionar as diversas áreas establecidas no proxecto. En todas elas se levarán a cabo traballos de desbroce, poda, recuperación de céspede, etc. A primeira área de actuación será o acondicionamento e mantemento do paseo Pontiñas, para continuar no mes de marzo cos noiros do polígono Lalín 2000”, remarca.
Pé de foto: Alumnado de “Lalín Verde” instalando carteis identificativos das áreas nas que levarán a cabo os traballos de acondicionamento nos vindeiros meses (unha das fotos é en Cercio e outra Mouriscade)