Avoga pola desestacionalización definitiva, na presentación da LVI Feira do Cocido en Santiago
Subliña que “estamos a desenvolver o reto de converter o turismo nunha pata económica vital para o noso pobo e para a Galicia interior” e avoga por un “lobbie de grandes festas” para a promoción conxunta
A LVI Feira do Cocido, Festa de Interese Turístico Internacional, que se celebrará en Lalín este domingo, 4 de febreiro, presentouse este mediodía en Santiago de Compostela. A Escola Superior de Hostalería de Galicia foi o marco que acolleu a dita presentación que estivo presidida polo alcalde lalinense, José Crespo; e na que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Área de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; e a concelleira de Turismo, Begoña Blanco.
Na súa intervención Crespo explicou que “o ser humano come por nutrirse e por pracer”. “Na sociedade na que estamos o tema do pracer gastronómico colle unha especial relevancia en todo o mundo e xa hai datos estatísticos de que o ser humano por un manxar excepcional gastronómico foise desprazando máis da conta ao longo dos anos e agora xa a media de desprazamento para ir comer pode ser de ata setenta quilómetros”. “Iso quere dicir que para nós é importante e valoramos máis que o propio acto de nutrirse o acto de coñecer, de ter uns sabores distintos ao longo de toda a túa vida, en definitiva que a comida converteuse nunha ferramenta económica de primeiro nivel e tamén nunha ferramenta turística”.
“Todo o que teña que ver co turismo asociado coa gastronomía vai funcionar case seguro; nós démonos conta hai moitos anos de que en Lalín podía ser unha ferramenta económica de primeiro nivel”, sostivo. “Estamos convencidos de que o terceiro recurso económico ten que ser o turismo, unido a ese bandeirín de enganche que é a gastronomía e á Feira do Cocido, tanto de Lalín como da Comarca de Deza e por iso estamos loitando, hai 30 anos en que lle empezamos a meter engádegas novas, agora durante seis meses hai actos que teñen que ver directa ou indirectamente con Lalín”, afirmou. “Cada ano metémoslle unha novidade por iso a Feira do Cocido son máis de trinta actos, ademais de que é un reclamo tan potente que nos está chamando peticións de facer cocido alí onde hai galegos”, precisou.
“Temos o Centro Galego de México, o Centro Galego de Nova Iorque (que o preside un de Lalín) e en Suíza que queren que fagamos alí o cocido, o que demostra que valoran a Feira do Cocido dunha maneira importante”, remarcou. “Quero dicir que a Feira do Cocido é xa hoxe unha marca e é sinónimo de falar de Lalín”, explicou. “Nós estamos no reto de convertelo nunha pata económica vital para o noso pobo e para a Galicia interior”, defendeu.
“A riqueza que temos en Galicia deberíamos facelo en conxunto; estamos coa idea de crear ese lobbie de grandes festas, xa falamos co Carballiño e falaremos co Grove, por poñer tres das máis salientables... para promocionalas xuntas e dar a coñecer Galicia”, sostivo. “Para o ano que vén presentaremos algunha novidade, estamos loitando por desestacionalizar definitivamente o Cocido”, sostivo. “Estamos traballando nalgún evento no verán que poida quedar claro que o cocido é un prato de todo o ano”, dixo.
PORTOMEÑE, NOVO COMENDADOR
Crespo que agradeceu a implicación de todo o equipo de Turismo de Galicia e de Valentín García, desvelou durante a presentación o nome dun novo Comendador que xurará o cargo o vindeiro domingo, de febreiro: Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, gran impulsor do Xacobeo e dos Camiños de Santiago. “Nós tamén queremos coller tamén algunha pata dos cocidos do Camiño e como en Lalín crúzanse dous Camiños de Santiago queremos agradecerlle a Víctor o seu labor con respecto ao que fixo co Xacobeo”.
Portomeñe é licenciado en Dereito pola USC, foi conselleiro preautonómico e un dos redactores do Estatuto dos Dezaseis. Deputado autonómico nas catro primeiras lexislaturas e voceiro do Grupo Parlamentario Popular durante 11 anos. Foi conselleiro nos gobernos de Fernández Albor e Fraga Iribarne dos departamentos de Educación e Cultura, de Relacións Institucionais e voceiro do Goberno desde onde promocionou o Camiño de Santiago, especialmente coa execución do Plan Xacobeo 93, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia. Dentro do propio ano 1993 a UNESCO elevou o Camiño a Patrimonio Universal da Humanidade. Tamén estivo á fronte da carteira de Asuntos Parlamentarios.
Desde 1998 a 2008 foi senador, desempeñando a Presidencia da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas durante catro anos, así como a portavocía adxunta do Grupo Parlamentario Popular. Está en posesión da Medalla de Ouro de Galicia, da Medalla do Parlamento de Galicia, da Medalla de Ouro de Tui, do Premio ao Xacobeo da Fundación Amigos de Galicia, etc.
Foi nomeado pola Xunta embaixador de honra do Camiño de Santiago, así como Peregrino de Honor conxuntamente pola Federación Española de Asociacións do Camiño de Santiago, pola Agrupación das Asociacións do Camiño do Norte e pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, entre outras diversas condecoracións que ten recibido.
Pola súa parte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García “desde a Xunta de Galicia estamos encantados de presentar un evento da máxima dimensión: o Cocido de Lalín é a catedral das nosas festas gastronómicas”. “O cocido ten moitas partes distintas e cada unha delas identifica unha cultura de Galicia específica”, sinala.
“Cada vez cústanos máis pensar cando é o Cocido de Lalín porque é unha compoñente constante ao longo do ano: en Lalín cómese cocido inda que sexa no mes de agosto”, afirmou. “O Cocido en Lalín vai moito máis alá dunha forma de comer, é unha forma de concibir a vida, de velas cousas”, subliñou. “Lalín soubo capitalizar e estar á fronte dunha idea que a do pobo galego, investirse desa <autoritas> que dá preparar a comida galega máis universal e saber gardala, darlle calidade, darlle esa proxección turística...”, precisou. “Non podemos esquecernos tamén dos patrocinadores, das marcas e persoas (da responsabilidade social corporativa) que xunto ao apoio das administracións deciden facerse responsables desta promoción”, indicou. “Animou a todo o mundo a achegarse a Lalín e a venerar un prato grande na historia de Galicia”, concluíu.
Carmen Pita felicitou “ao Concello polos 56 anos da Feira do Cocido”. Destacou que conta “cos mellores ingredientes, mesturando a implicación da veciñanza nunha festa ao redor dun recurso tan propio como o cocido unido a una festa con personalidade”. “É tamén unha razón para demostrar que, fóra de tempada alta, Galicia ofrece motivos para visitala”, remarca.
“A completísima oferta cultural e gastronómica que achega a Feira do Cocido que se enmarca no noso modelo turístico que é que os viaxeiros cheguen tamén fóra da tempada alta; é algo que estamos conseguindo á vista dos resultados do pasado ano cando comprobamos que a desestacionalización foi unha realidade: de feito foron importantes os incrementos de viaxeiros, particularmente nos primeiros meses de 2023, estamos seguros de que detrás destas cifras están reclamos como a Feira do Cocido de Lalín que é ademais un patrimonio inmaterial galego de inigualable valor que está no foco do noso modelo turístico: temos que preservala e compartila co resto dos galegos e con todo aquel visitante doutros lugares que queiran coñecela”. “Desde Turismo de Galicia animamos a participar activamente na Festa e tamén para coñecer o fermoso Concello de Lalín”, concluíu.
Begoña Blanco, concelleira de Turismo, que introduciu a presentación, destacou que “a de Santiago é a última parada do proceso de difusión e de promoción da Feira do Cocido; para nós sempre foi e segue sendo moi importante presentar a todos os galegos e galegas a nosa Feira desde a capital de Galicia”. Lembrou que esta fin de semana grande do Cocido se abrirá coa Gala do Cocido o venres, que se retransmitirá en directo pola TVG, na que se entregarán os Premios de Gastronomía de Galicia e o Premio Nacional de Xornalismo Álvaro Cunqueiro; o sábado ás 12 abrirase a carpa do Cocido onde os visitantes terán oportunidades de comprar produtos cárnicos, lácteos, produtos artesáns e xa o domingo, día grande da Feira. Convidou a todos a visitar Lalín durante esta fin de semana ou ata o mes de abril, xa que se sucederán eventos ao redor do Cocido (Feira de Artesanía, Rally do Cocido, etc.).