É aberta á participación da veciñanza e desenvolverase o 31 de xaneiro ás 19 horas na sala de prensa
A concelleira de Sanidade anima aos/as lalinenses a participar nela porque se trata de concienciar sobre a importancia que teñen este tipo de xestos para poder salvar vidas
A concelleira de Sanidade, Noelia Seijas, informa que “o próximo mércores, 31 de xaneiro, ás 19 horas, na casa consistorial (sala de prensa) terá lugar unha charla sobre doazón de sangue e sobre doazón de medula ósea, promovida polo Concello en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e con Asotrame (Asociación Galega de Afectados de Transplantes Medulares e Enfermidade Oncohematolóxicas)”.
“É unha charla aberta á participación da veciñanza, polo que se anima aos/as lalinenses a tomar parte nela porque se trata de concienciar sobre a importancia que teñen este tipo de xestos á hora de poder salvar vidas, e tamén se explica o procedemento para levar a cabo a doazón”, sinala. “É unha boa ocasión para achegar a cidadanía estes procesos e de explicarlles que non son tan complexos como a priori se pensan”, remarca.
Seijas indica que “a primeira parte da charla, que será impartida pola promotora da doazón de sangue de ADOS, estará centrada sobre a doazón de sangue con preguntas por parte das persoas asistentes”. “Despois comezarase coa presentación da asociación Asotrame e do procedemento da doazón da medula ósea por parte dunha traballadora social, que estará acompañada por unha persoa voluntaria testemuñal á que lle diagnosticaron leucemia linfoblástica aguda”, precisa.
Sinalar que Asotrame foi declarada de utilidade pública no ano 2018 e ten como obxectivo primordial tres obxectivos: colaboración en proxectos de investigación, atención psicosocial e pacientes e familias e sensibilización sobre a importancia da doazón de medula ósea, xa que para algunhas persoas pacientes, o transplante pode ser a última esperanza de vida.
Pola súa parte, ADOS ten como obxectivos básicos actuar como instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas coa doazón e o abastecemento de sangue e os seus derivados, a coordinación de transplantes de órganos e tecidos, e o procesamento e almacenamento de células, tecidos e mostras biolóxicas humanas con fin diagnósticos, terapéuticos e de investigación.