Foi no encontro celebrado este mediodía para pechar os dispositivos para a Gala e a Feira do Cocido
Este mediodía celebrouse unha reunión de coordinación da Xunta Local de Seguridade para abordar os dispositivos da Gala e da Feira do Cocido, á que asistiron representantes da Garda Civil, da Policía Local, da Policía Nacional, dos Bombeiros, da AXEGA e de Emerxencias, ademais do edil de Seguridade Cidadá, Pablo Areán, e do propio rexedor, José Crespo, que se achegou a saudalos.
Pablo Areán explica que “os dispositivos tanto para a Gala como para a Feira do Cocido serán similares aos do ano pasado” e “suporán un reforzo de todos os corpos de seguridade durante a fin de semana grande da Feira, xa desde o mesmo venres 2 de febreiro en que se celebra a Gala; continuando o sábado día 3 no que se abre a Carpa do Cocido, se celebra o Concerto do Cocido e se prevé xa a chegada dun número considerable de visitantes; ata o domingo 4 de febreiro, día grande da Feira”.
O edil remarca que “para a Gala prevese o corte da Avenida Xosé Cuiña desde o venres pola tarde, hora a determinar en función da afluencia de xente que vaia chegando, desde a rotonda de Donramiro á rotonda do Concello ata fin de Gala”. “De xeito similar ao ano pasado, habilitaranse dúas entradas ao Lalín Arena, unha pola entrada principal e a outra pola parte lateral, con acceso directo a nivel das pistas, ambas as dúas valadas para o control de acceso”, sinala.
Acceso aos maiores de 14 anos á “fanzone”
Indica que “este ano habilítase a pé de pista unha zona perimetrada (<fanzone> para que os espectadores poidan seguir a gala de pé chamada, o que incrementa o aforo do recinto”. “Cómpre indicar que a esta zona <fanzone> só estará permitido o acceso ás persoas maiores de 14 anos ata completar aforo, establecido ao redor de 500 persoas”.
O concelleiro informa que “a apertura de portas para a Gala terá lugar ás 20.30 horas (ata as 21 horas) e recoméndase na medida do posible que a xente acuda con suficiente antelación para permitir un acceso ordenado e sen aglomeracións ao recinto”.
Non se permitirá o acceso con bebidas alcohólicas ao Lalín Arena
Pablo Areán fai fincapé en que “o dispositivo de seguridade para a Gala estará conformado por un ambulancia, e polos efectivos dos Bombeiros, Emerxencias Lalín, Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil, ademais de contar con vixilancia de seguridade para realizar o control de accesos ao recinto. É de destacar que non se permitirá o acceso con bebidas alcohólicas ao recinto.
Día Grande da Feira
O responsable municipal subliña que “desde primeira hora da mañá do domingo, 4 de febreiro, estará prohibido estacionar na zona do Regueiriño para a celebración dos actos oficiais do Cocido”. “Así mesmo todo o percorrido da comitiva estará libre de estacionamentos (principalmente, rúa Molinera e rúa Principal -estará valada desde ABANCA ata o KM0-)”.
Areán avanza que “o palco, como todos os anos, estará situado no Km0, orientado cara á Praza da Igrexa”. “Indicar que, coma vén sendo habitual, as rúas onde se celebre o percorrido de desfiles e comparsas estarán valadas, ademais de que estará prohibido estacionar nelas”.
“O dispositivo de seguridade do día da Feira do Cocido estará constituído por dúas ambulancias, dous camións de Bombeiros, Emerxencias, Policía Nacional, Policía Local, Garda Civil e por AXEGA”, precisa Areán. “Haberá presenza dun camión de AXEGA, que estará conectado a diversas cámaras situadas por todo o casco e ademais este ano como novidade créase un segundo perímetro de seguridade mediante cámaras inalámbricas, que permitirán controlar con anticipación posibles incidencias de tráfico, sobre todo, nas entradas ao pobo”, explica.
Estacionamento
Por último, o edil recomenda aos veciños e visitantes que “boten man das grandes bolsas de aparcamento na periferia do casco, principalmente, nas explanadas dos centros comerciais”.