· A mostra inaugurarase o venres, 19 de febreiro, ás 20 horas, no Museo Municipal Ramón Mª Aller
Formas e grafismos, proxecto expositivo de Soledad Penalta, será a mostra central da LVI Feira do Cocido que se inaugurará o vindeiro venres, 19 de febreiro, ás 20 horas no Museo Municipal Ramón Mª Aller. Unha mostra de marcado selo persoal, promovida polo Concello de Lalín e comisariada por Cecilia Doporto Regueira, por José Luis Rey e pola propia Penalta.
Trátase dunha mostra representativa do quefacer desta escultora noiesa, xurdida do pensamento e das emocións desta artista cunha gran personalidade creativa, que reúne 14 pezas de gran formato unidas a outras elementos compositivos (textos introspectivos, citas, poesías...) e que poderá verse no Museo Municipal ata o 5 de abril, tratando de humanizar a súas obras. Dá calor cos seus textos aos materiais, escribindo “nas pezas, os meus pensamentos, ás veces poesías e outras veces reflicto algo que me gusta doutra persoa”, explica.
Soledad Penalta é un dos valores escultóricos de referencia da plástica galega contemporánea con máis de cincuenta anos de creacións no seu haber. Académica da Real Academia de Belas Artes, Premio da Cultura Galega e Premio da Crítica, Penalta plasma a través da escultura os seus sentimentos cun selo persoal: realiza obras que humanizan os materiais, dotándoas de movemento e de fortaleza. Mantén unha fonda vinculación con Lalín é unha asidua participante no Cocido das Artes na mostra EmporcARTE. “O meu traballo o que tenta é comunicar. Non só penso en facer unha forma, senón en expresar referencias”, ten sinalado.
Ademais é unha das mulleres artistas da súa xeración que traballa en obra pública, con pezas nas que emprega materiais pesados como aceiro cortén, bronce ou ferro, ademais de posuír unha extensa produción en obra privada, tanto a nivel nacional como internacional.
A foto é de Xurxo Lobato