A concelleira da área de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, anima á cativada lalinense a que participe na Cabalgata anotándose na recepción do Concello
• No encontro tamén se estableceu o regulamento de tráfico durante a Cabalgata, explica o edil de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Pablo Areán, para o que se cortarán as rúas por onde discorre, desde comezo a fin do evento
A concelleira da área de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, e o edil de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Pablo Areán, mantiveron esta mañá unha reunión preparatoria da Cabalgata de Reis, na que tomaron parte o xefe de Emerxencias Lalín, Víctor Blanco; o representante da Asociación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), José Antonio Quintana, e o responsable da empresa que se ocupa da roupaxe da Cabalgata, Julio Varela.
Karen Fernández anima “aos/ás nenos/as lalinenses a participar na Cabalgata desde 3 a 15 anos, para o que se deberán anotar na recepción da Casa Consistorial, o antes posible podendo facelo ata o 4 de xaneiro”. “Precísanse sobre todo para os personaxes de lanceiros/as, pastores/as e romanos/as”, explica.
A concelleira de Aldeas de Nadal tamén subliña que “no encontro de hoxe acordamos a orde de saída da Cabalgata que será ás 18 horas de diante do colexio Scientia Lalín e a recepción terá lugar a partir das 19.15 horas na Aldea dos Reis, na Praza da Biblioteca”. Previamente á saída da Cabalgata, as súas Maxestades os Reis Magos visitarán a residencia Nosa Señora das Dores (16 h), Geriatros (16.35 h) e Fogar Santa Rita (17.25 h), sinala.
Na xuntanza de hoxe tamén se decidiu a regularización do tráfico durante a Cabalgata para o que se cortarán as rúas por onde transcorre, desde o comezo ata o remate, sinala o edil de Seguridade Cidadá, Pablo Areán. As rúas afectadas son: rúa da Banda de Música, Praza da Mariña, Antonia Ferrín Moreiras, Avenida Luís González Taboada, Avenida de Buenos Aires, rúa Principal e Loriga.