- O edil de Agricultura remarca que na presente edición bateuse o récord na recollida deste tipo de residuos para o seu correcto tratamento por parte da empresa xestora de residuos
- Lembra Mariño que non se deben deixar os plásticos nos sitios de recollida ata que se desenvolva a vindeira campaña e que o depósito incorrecto poderá ser obxecto de sanción
O Concello de Lalín suma este ano 2023 un récord na recollida de plásticos e silos agrícolas, cun total de 254.980 quilogramos, a través das dúas campañas levadas a cabo, a primeira en primavera (marzo) e a segunda en outono (entre o mes de outubro e novembro polas distintas zonas rurais do noso municipio),. Así o sinala o edil de Agricultura, Marcos Mariño, que indica que “estas 255 toneladas supoñen un incremento de máis case un 35% con respecto ao ano 2022 (189 toneladas)”, en base aos datos achegados pola empresa xestora da recollida.
Remarca que “son datos satisfactorios que amosan que os nosos agricultores e gandeiros están cada vez máis concienciados coa protección do medio ambiente, xesto que é de agradecer, sen que iso signifique que caiamos na autocomplaciencia, pois neste campo aínda queda moito no que traballar”. “En todo caso agardamos que estes bos resultados continúen en vindeiras campañas”, afirma.
Así mesmo indica que “a campaña de outono deste ano tamén supuxo a marca máis alta lograda ata agora: 152.910 quilogramos os recollidos fronte aos 108.940 do ano pasado”. “Por zonas foi a zona tres (Lalín de Arriba, Xaxán, Goiás, Maceira, A Veiga, Sello, Fontecabalos, Erbo, Albarellos, Castro, Alemparte, Alperiz, Parada, Cadrón, Muimenta, Carballeda, Galegos, Cercio, Palio, Rodís, Cangas, Cello, Palmou, Camposancos e Val) na que se retiraron maior número de quilogramos destes residuos con 64.860 quilos, seguida da zona 2 (Catasós, Vilanova, A Xesta, Barcia, Anseán, Gresande, Cristimil, Soutolongo, Botos, Moneixas, Zobra, Lebozán, Vilatuxe, Lodeiro, Doade, Donsión e Donramiro) con 53.810 quilos e na zona 1 (Noceda, Anzo, Losón, Busto, Madriñán, Méixome, Santiso, Bermés, Prado, Bendoiro e Filgueira) con 34.240 quilos”, precisa.
O edil de Agricultura fai fincapé en que namentres non se volva desenvolver unha nova campaña de recollida non se poderán deixar os plásticos nos sitios de recollida, podendo esta causa ser obxecto de sanción de acordo coa ordenanza de Medio Ambiente e limpeza do Concello de Lalín.
As case 255 toneladas recollidas neste 2023 serán tratadas pola empresa SIMA S.L., xestora de residuos, para darlle un axeitado destino, evitando así o efecto contaminante que, do contrario, producirían no solo.