Trátase dunha casa típica de labranza, das potentes da nosa contorna, cedida pola familia Cortizo, a quen tanto a veciñanza de Anzo e Busto como o Concello agradece este
A gran superficie da que dispón este inmoble centenario que inclúe palleira, fonte, hórreo, solaina, forno, eira enlousada de pedra, entre outros elementos singulares, será destinada á recreación da Matanza
Na parte posterior da casa, onde hai unha portada que data do ano 1856, realizarase a degustación de produtos típicos
Habilitarase un aparcadoiro próximo polo lado de enriba da estrada provincial a fin de facilitar o acceso ás persoas asistentes xa que estará prohibido aparcar nas inmediacións da dita casa
A XXIV edición da Matanza Tradicional do Porco que se celebrará o domingo, 21 de xaneiro de 2024, en Anzo, organizada conxuntamente pola veciñanza das parroquias de Anzo e Busto avanza no desenvolvemento dos preparativos. Os concelleiros de Festas, de zona e de Turismo, José Cuñarro, Marcos Mariño e Begoña Blanco, respectivamente, xunto aos membros da comisión de Anzo e Busto constituída para este fin, verificaron a casa de Golmar, propiedade da familia Cortizo, de José Luis (pai) e de Rubén (fillo), cedida para levar adiante este evento. Tanto os veciños de Anzo como de Busto como o Concello de Lalín, en especial o alcalde agradecen enormemente á familia Cortizo por deixar prestada esta magnífica casa para a realización da Matanza.
Un inmoble centenario, que consta de construcións anexas típicas dunha casa de labranza, que tamén serán empregadas todas elas para levar adiante tanto a Matanza como a degustación de produtos típicos do porco. Entre estas construcións anexas coas que está dotada a casa de Golmar e que a familia pon á disposición para este fin atópanse unha portada de madeira na parte posterior da casa que data de 1856, unha palleira que data de 1902 (onde se vai colgar o porco), unha fonte no medio da eira, un hórreo de catro claros que data de 1879, unha porta de madeira na balconada con datación de 1868 que presenta como curiosidade unha troneira, un forno, colmeas (como curiosidade hai un saínte entre dúas ventás para a entrada de abellas), entre outros elementos singulares dunha das casas fortes de labranza da nosa contorna.
Cómpre destacar ademais que esta casa é toda de pedra, ten lareira, e foise construíndo en fases como o testemuñan as inscricións coas datas recollidas nos dinteis tanto da casa, do hórreo, da palleira e da propia solaina. Ademais o enlousado da eira é todo de pedra, o que facilitaba os labores de preparación do trigo e do centeo, posto que sobre pedra era máis fácil varrer e aproveitar o gran e no inverno non tiñan lama -evitando deste xeito ter que estrar a eira-, o que facilitaba tamén o acceso e manobra cos carros.
A casa dispón na parte posterior do inmoble unha extensión grande onde se vai instalar a carpa do xantar para que as persoas asistentes poidan degustar o produto o máis preto posible do lugar onde se leva a cabo a recreación da Matanza.
A comisión organizadora xa ten preparado e falado cos propietarios da casa para facilitar o aparcadoiro polo lado de enriba da estrada provincial onde hai un pombal e algunhas fincas próximas á propia casa de Golmar. Neste sentido indícase que non se poderá aparcar en toda a superficie que será destinada á recreación da Matanza e a degustación do produto.