Blanco subliña que se instalou unha sinal de benvida do Pazo de Liñares e tres paneis interpretativos nos sartegos de Barcia, na rúa Matemático Rodríguez e no Museo Ramón Mª Aller ao abeiro desta actuación subvencionada integramente pola Deputación
A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, sinala que “desde o goberno levamos a cabo un proxecto de sinalización turística de elementos patrimoniais que completamos estes días, ao abeiro dunha subvención para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural que recibimos da Deputación de Pontevedra”.
Ao abeiro desta axuda de 12.002,52 € da Deputación, que cobre o 100% da contía solicitada, a responsable delegada explica que “instalamis diversos paneis interpretativos en elementos culturais lalinenses de acordo ás directrices do manual de sinalización turística de Galicia”. Concretamente sinalizamos os seguintes elementos patrimoniais e turísticos:
- Sinal elemento cultural sartegos de Barcia
- Sinalización específica de benvida ao Pazo de Liñares de gran formato, atendendo a distintas demandas de visitantes e turistas co fin de indicar a chegada ao Pazo de Liñares e a súa mellor visualización desde a estrada
- Sinal da rúa Matemático Rodríguez relativa a este persoeiro lalinense
- Museo Municipal Ramón Mª Aller. Observatorio: panel interpretativo preto do Museo que faga alusión ao mesmo, a Ramón Mª Aller, á súa importancia, e tamén alusión ao Observatorio e a súa relevancia
Blanco subliña que “desde o Concello seguimos a traballar na sinalización e interpretación do patrimonio creando unha imaxe integral de destino e traballando na posta en valor dos nosos recursos”. Neste sentido “a sinalización resulta esencial, xa que os recursos mediante sinais representativas fanse máis visibles para o público en xeral”. “A sinalización e accesibilidade turísticas son dos elementos esenciais dentro da estratexia de dinamización turística do territorio como a que se está a levar adiante no noso concello”, engade.
“Unha sinalización axeitada informa, ensina, orienta e multiplicar o valor dun recurso: significa proporcionarlle a turistas e visitantes información complementaria que dá lugar ao coñecemento do recurso”, subliña. “Ao mesmo tempo estamos contribuíndo á divulgación do noso patrimonio natural e cultural achegándoo á poboación e aos potenciais visitantes; á recuperación e posta en valor dos elementos patrimoniais da contorna, reforzando a identidade colectiva e a necesidade sobre a preservación do medio e do patrimonio; á dinamización socioeconómica; á incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas (códigos QR) que amplíen a información obtida a través da sinalización e a mellora do acceso e interpretación dos recursos turísticos”, remarca Blanco.
A responsable subliña que “se tivo en conta na medida do posible a incorporación de varios idiomas, nalgúns casos, incorporouse tamén ao inglés”. “Toda a sinalización incorporou un QR que nos dirixe á paxina de turismo do Concello de Lalín, onde se pode acceder a todos os recursos turísticos e información do Concello para facilitar o acceso á información e á integración da mesma co obxectivo de ter un destino turístico integral dotado da mellor infraestrutura posible”, remarca.
“Esta sinalización reforza a persoeiros tan importantes como o Matemático Rodríguez: situouse o sinal na rúa que leva o nome ou a de Ramón Mª Aller nas inmediacións do Museo para facilitar a información sobre a casa do astrónomo e o seu contido”, afirma. “Os sartegos de Barcia tamén incorporan un panel interpretativo debido á súa importancia e para facilitar información dos mesmo”, sinala. “Colaborou tamén na sinalización o cronista Daniel González Alén para a que aportou varias fotografías do seu arquivo, e a quen agradecemos a súa cooperación”, precisa.