• Puideron comprobar a mellora estética e a recuperación urbana deste núcleo histórico lalinense que presenta un estado moi atractivo
• Poñen en valor un dos núcleos tradicionais máis senlleiros do noso Concello e que foi capitalidade municipal no seu día
O alcalde de Lalín, José Crespo, e a tenente de alcalde e concelleira da EDUSI, María Paz Pérez, e concelleiro de Obras, José Cuñarro, visitaron esta mañá as obras que se están a realizar no entorno do núcleo histórico de Donramiro que están xa moi avanzadas e próximas a rematar, pendentes unicamente de solados, acabados estéticos e pequenos detalles.
Os edís comprobaron como os traballos de dotación e conexión de servizos están xa rematados e os traballadores da adxudicataria están a realizar tarefas de preparación das plataformas dos solados que levarán un remate de formigón desactivado que se verterá nos próximos días en canto o tempo o permita. Esta plataforma de formigón pulido convivirá coas beirarrúas rematadas en pedra que xa están construídas case na totalidade tanto no entorno da fonte da Picha, como no cruceiro e no entorno da igrexa e nas rúas de conexión deste entorno.
No día de hoxe, os traballadores tamén executaban os acabados do muro contiguo á fonte e que serve de contención á plataforma onde se atopa o cruceiro xa rehabilitado e instalado. Aínda que a estrutura xa está totalmente realizada, queda por aplicar o acabado estético final que lle dea prestancia a dito elemento.
MELLORA ESTÉTICA
Os concelleiros puideron comprobar a mellora estética e a recuperación urbana deste núcleo histórico lalinense que presenta un estado moi atractivo e que, sobre todo, no entorno da igrexa trocou a configuración totalmente dotando de un marco máis acaído a este fermoso edificio relixioso.
Os traballos continuarán ata rematar ao longo das vindeiras dúas semanas en que os traballos quedarán practicamente rematados e cunha configuración definitiva que pon en valor un dos núcleos tradicionais máis senlleiros do noso Concello e que foi capitalidade municipal no seu día.