Instalada na Aldea de Papá Noel, servirá como elemento de xogo para a cativada
Karen Fernández agradece a Olga Beleza a súa colaboración coas Aldeas de Nadal e anima a outros comerciantes e empresarios a colaborar no proxecto Aldeas de Nadal, confeccionando a súa propia casiña para a vindeira edición
A Aldea de Papá Noel incorpora este ano unha nova casiña: a de Olga Beleza, realizada pola esteticista Olga García Viana, que a realizou de principio a fin con todo tipo de detalles. Así o sinala a concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández Lamela, que remarca que “esta casiña constitúe unha novidade no conxunto das nosas Aldeas de Nadal, non só como elemento de nova incorporación, senón tamén porque constitúe de modelo de colaboración e referente a seguir, xa que á primeira vez que alguén que non ten que ver directamente co oficio de carpintería se une a esta iniciativa como fixeron en edicións pasadas varios carpinteiros da zona”.
Neste sentido Fernández Lamela fai un chamamento a que “outros comerciantes e empresarios se animen a colaborar no proxecto Aldeas de Nadal, un proxecto global de Lalín, confeccionando as súas propias casiñas para a vindeira edición”. “Queremos incentivar este tipo de colaboración porque coas Aldeas de Nadal, ao igual que coa Feira do Cocido, sae beneficiado todo o pobo de Lalín”, precisa.
A concelleira de Aldeas de Nadal agradece “a Olga García Viana este paso dado, o de abrir as Aldeas de Nadal á colaboración privada, realizando ela mesma unha casiña que reproduce en miniatura o que é o seu propio estudo de beleza”. “Unha casiña que demostra o esmero e agarimo con que foi feita e que servirá para a ledicia dos/as nenos/as, xa que poderán xogar cos utensilios de beleza que alberga a casiña no seu interior”, destaca.
Olga García explica que “a idea de facer unha casiña xurdiu desde que vin as primeiras casas das Aldeas de Nadal, pero foi este ano cando chegou o momento de levala a cabo”. “Desde o primeiro momento tiven claro facer unha casa que reproducise o meu estudo de beleza en miniatura porque a min sempre me gustou levar os oficios de cada un á rúa, amosar que estás orgullosa do que fas e que iso transcenda no pobo no que ti estás e no que vives”, sinala. “Pretende ser unha homenaxe aos fillos/as das miñas clientas que xa van sendo varias xeracións”, indica.
“Para este fin levamos mes e medio traballando arreo, con ensaio-erro, pensando en todo momento nos detalles que ía ter”, puntualiza, ao tempo que precisa que “na elaboración da casa se utilizan materiais semellantes aos empregados para as outras casas de Aldeas de Nadal para continuar coa mesma liña estética definida do proxecto”.