- Este conto oficial das Aldeas de Nadal, producido para o Concello de Lalín pola autora Charo Golmar e ilustrado por Olalla Garra, que ve a luz grazas á colaboración da Xunta de Galicia, preséntase este xoves 30 de novembro nun acto ao que están convidadas todas as persoas que desexen asistir
- Constitúe unha das novidades deste ano do proxecto Aldeas de Nadal, que se inauguran o vindeiro venres 1 de decembro, ás 19 horas
As Aldeas de Nadal que promove o Concello de Lalín lévanse este ano ao formato impreso e estrean conto oficial cargado de maxia: “Alma de Nadal”. De autoría da escritora e docente Charo Golmar e ilustrado pola artista Olalla Garra, baixo a coordinación editorial do Concello de Lalín e editado co apoio económico da Xunta de Galicia, “Alma de Nadal” presentarase o vindeiro xoves, 30 de novembro, ás 17.30 horas, no vestíbulo do Concello nun acto aberto ao público que desexe asistir. No acto está prevista a participación de Charo Golmar; de Olalla Garra; do alcalde; da concelleira de Aldeas de Nadal; do secretario xeral de Política Lingüística, ademais dunha representación de membros da comunidade educativa lalinense.
“Alma de Nadal” foi ideado como un xeito de achegar á cativada de toda Galicia o proxecto das Aldeas de Nadal a través dun conto ilustrado a fin de que cando as visiten se sintan plenamente identificados con elas, pois atoparán en Lalín cada un dos elementos descritos nesa historia máxica.
Para a autora, Charo Golmar, “Alma de Nadal” é un “conto que afonda no espírito solidario do Nadal. Os protagonistas Alma e Gael reciben o mellor dos agasallos: a xenerosidade de todos consegue facer realidade os seus soños e trocar o xélido inverno na máxima festa das Aldeas de Nadal”.
Pola súa parte, Olalla Garra explica que as “ilustracións deste conto continúan co colorido elemento da vidreira -reproducida no cartel das Aldeas de Nadal de 2022 realizado por esta artista lalinense-. Aínda que moitos dos personaxes xa foran creados previamente para Aldeas de Nadal na pasada edición, naceron algúns novos: o principal, Alma, unha nena de pelo roxo cuxa vestimenta segue a descrición que achega o texto, cun xesto no rostro que utiliza como máscara para afrontar a adversidade, que podemos ver ao longo do libro ata a ilustración final, onde se ve ese cambio que foi posible grazas á axuda que todos os demais personaxes lle brindan”.
Este libro conto constitúe unha das novidades deste ano do proxecto Aldeas de Nadal do Concello de Lalín, que se inaugurarán o vindeiro venres 1 de decembro, ás 19 horas. Ás familias asistentes á presentación de “Alma de Nadal” do vindeiro xoves 30 faráselle entregar dun exemplar de “Alma de Nadal”.