- O prazo de presentación abrirase nos vindeiros días, unha vez se publique o extracto das bases da convocatoria no BOPPO e rematará o 5 de xaneiro de 2024
- Haberá dous galardóns, 4.000 € destinaranse ao mellor traballo xornalístico entre todas as categorías e 1.000 € ao mellor traballo académico
- Será imprescindible que todos os traballos que se presenten ao certame, inda que sexan en formato físico/papel, se acompañen copia en soporte dixital (USB, DVD, CD ou similar) ou no seu caso, se acompañen dun enlace de descarga que permita efectivamente a mesma
O Concello de Lalín, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, as asociacións gastronómicas galegas e a Axencia Turismo de Galicia, convoca a XXX edición do Premio Nacional de Xornalismo Álvaro Cunqueiro, cuxas bases reguladoras veñen de aprobarse en xunta de goberno. Este galardón, o máis importante de xornalismo gastronómico de España, conta cunha dotación económica total de 5.000 € distribuídos en dous premios:
- un primeiro premio de 4.000 € ao mellor traballo xornalístico entre o conxunto de todas as categorías e ao que poderán concorrer: escritos publicados en medios de comunicación impresos; libros; traballos; publicacións ou investigacións sobre gastronomía; os traballos xornalísticos en radios e televisión; páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou traballos gráficos (fotografía, viñeta, etc.) publicados en medios de comunicación impresos
- e premio de 1.000 € ao mellor traballo académico (prensa, radio, televisión e web) dedicado á gastronomía e presentado por alumnos de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional co fin de potenciar aos novos valores da profesión xornalística, debendo estar acreditados por un docente do centro de estudos
Os traballos poderán presentarse ata o 5 de xaneiro de 2024, unha vez se abra o prazo, que comezará ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO, téndose primeiramente que publicar as bases no mesmo boletín. En todo caso no que respecta ao prazo de finalización, se o envío se realizase por correo ordinario, terase en conta a data que figure no cuño postal.
Poden participar no devandito certame os escritores, xornalistas e particulares que publicasen artigos, libros, entrevistas, reportaxes, viñetas, fotografías, comentarios, etc. en galego ou en castelán, nos distintos medios de comunicación, sobre temas relacionados coa gastronomía galega, en particular, sobre a gastronomía nos dous últimos anos. Non poderán ter sido premiados anteriormente e non poderá ser recoñecidos tres anos consecutivos un mesmo autor. Ademais poden tomar parte os estudantes de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual que presenten os seus traballos académicos relacionados coa gastronomía.
Na presentación dos traballos é a condición necesaria que a presentación dos traballos en formato físico/papel vaia acompañada da correspondente copia en soporte dixital (USB, DVD, CD ou similar) ou, no seu caso, dun enlace de descarga que permita efectivamente a mesma.
O xurado nomeado ao efecto, que estará formado por xornalistas de medios de comunicación de Galicia e representantes das institucións colaboradoras, seleccionará os traballos que considere merecedores de premios tendo en conta, en primeiro lugar, a súa calidade xornalística, pero tamén a súa difusión. Considerarase un mérito engadido a súa referencia ao Cocido de Lalín. Dará a coñecer publicamente o fallo nun acto programado ao efecto con anterioridade á celebración da LVI Feira do Cocido.
O Premio “Álvaro Cunqueiro” leva o nome do primeiro pregoeiro da Feira do Cocido e está promovido polo Concello de Lalín, desde o ano 1993, en colaboración coas asociacións gastronómicas galegas, a Axencia Turismo de Galicia e coa Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela para recoñecer o labor de xornalistas e escritores como difusores da cociña galega.