· Así se acordou nun encontro celebrado na tarde de onte entre os veciños das dúas parroquias cos concelleiros José Cuñarro e Marcos Mariño na que destacou a boa dispoñibilidade e receptividade a colaboración
· Quedaron de constituír unha comisión entre as dúas parroquias para que actúe como interlocutor co Concello para ir concretando detalles cara o 21 de xaneiro
Incluirá degustación, actuación musical, recreación escenificada pola veciñanza así como exposición de apeiros de labranza
A XXIV Matanza Tradicional terá lugar en Anzo, organizada conxuntamente pola veciñanza das parroquias de Anzo e Busto, o domingo 21 de xaneiro, a partir das 10 horas. Así se acordou nunha reunión celebrada na tarde de onte, domingo, no centro social de Anzo na que tomaron parte máis de medio cento de veciños/as, e na que participaron os concelleiros José Cuñarro (edil de Festas e encargado da Matanza) e Marcos Mariño (delegado de zona).
Cuñarro subliña “a boa receptividade e dispoñibilidade dos veciños destas dúas parroquias para levar adiante a Matanza, e especialmente hai que agradecerlle á familia Cortizo o feito de que nos deixe a Casa de Golmar, na parroquia de Anzo para a celebración do dito evento”.
“A Matanza contemplará degustación de produtos do porco, actuación musical, recreación do evento escenificada polos veciños, ademais de exposición de apeiros de labranza antigos, entre outras iniciativas que se irán concretando nas vindeiras semanas e das que iremos informando”, precisa.
José Cuñarro avanza que “os veciños quedaron de facer unha comisión entre as dúas parroquias, que será a encargada de levar adiante o peso da Matanza, e que será o órgano de interlocución entre os veciños e o Concello”. “En vindeiros días quedaron de comunicarnos quen serán os integrantes da comisión para continuar avanzando e pechando xa os detalles do evento cara o 21 de xaneiro”, remarca.