Este proxecto único, de selo lalinense, incorporará este ano máis dunha novidade
· Karen Fernández destaca que “este ano seguiremos consolidando as nosas Aldeas como proxecto referente do Nadal en Galicia, a fin de propiciar que Lalín sexa un referente turístico familiar de inverno a carón da Feira do Cocido”
· “Crea unha ambientación de Nadal do pobo máxica, alegre e vital que fomenta a ilusión en nenos e persoas maiores, polo que podemos consideralo xa como un acontecemento de referencia e orgullo”, subliña a concelleira delegada das Aldeas de Nadal
Lalín prepárase para acoller unhas festas de Nadal cargadas de maxia e de visitantes coas Aldeas de Nadal que este ano incorporan máis dunha novidade. Estes días vén de comezar a montaxe das distintas Aldeas que compoñen este proxecto único, creado, deseñado e executado integramente en Lalín por artesáns e profesionais da zona.
A concelleira responsable de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, que se desprazou a comprobar o desenvolvemento destes traballos da man do director artístico do proxecto, “Luchi” Iglesias, remarca que “este ano as Aldeas manteranse nos mesmos emprazamentos, elixidos estratexicamente en sitios de referencia e céntricos do pobo, fáciles de atopar e de visitar”. A distribución é a seguinte:
- Aldea do Papá Noel” (Praza da Igrexa)
- “Aldea da Música” (Praza da Vila)
- “Aldea do Apalpador”, (Praza da Torre)
- “Aldea dos Reis Magos” (Praza do Concello)
- “Aldea das Estrelas” (Praza Ramón Mª Aller)
- “Aldea dos Trasnos” (Parque de Loriga)
Karen Fernández subliña que “este ano seguiremos consolidando as nosas Aldeas como proxecto de referente do Nadal en Galicia, a fin de propiciar que Lalín sexa un referente turístico familiar de inverno a carón da nosa outra imaxe de marca como é a Feira do Cocido”. “Coas Aldeas de Nadal tamén contribuímos á dinamización do pobo e da hostalería na maior época de consumo do ano”, subliña.
Nese sentido incide en que “o conxunto das Aldeas crea unha ambientación de Nadal do pobo máxica, alegre e vital que fomenta a ilusión en nenos e persoas maiores, polo que podemos consideralo xa como un acontecemento de referencia e orgullo”.
A concelleira delegada avanza que “a inauguración das Aldeas de Nadal terá lugar o venres 1 de decembro, ás 19 horas, día no que tamén se prenderá a iluminación de Nadal, pero antes desa data faremos a presentación do proxecto e iremos desvelando as novidades deste proxecto referente con selo lalinense”.