- A concelleira de Turismo, Begoña Blanco, anima á participación dadas as sinerxías que se producen ao redor dunha imaxe de marca de prestixio como é a Feira do Cocido
- Establécese un máximo de 100 espazos destinados a colaboradores e a subvención mínima será de 100 euros, podéndose ofertar unha subvención maior, criterio que prevalecerá na selección dos colaboradores
- Seleccionaranse as cen ofertas que ofrezan a subvención de maior importe, colocándose de maior a menor na cartelería
- A documentación deberá ser achegada en sobre pechado no Rexistro do Concello
A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, sinala que “vén de abrirse o prazo de solicitude para achegar propostas de colaboración empresarial para participar no compromiso de calidade do Mes do Cocido durante a LVI Feira, que poderán presentarse ata o próximo 30 de novembro”.
Blanco anima á participación “dadas as sinerxías beneficiosas que se crean para o tecido empresarial en base ao alcance e repercusións extraordinarios que goza a Feira na actualidade”. Explica que “queremos acadar a colaboración empresarial nunha actividade de interese xeral como é a Feira do Cocido, un evento dinamizador dos sectores produtivos de Lalín e Comarca: así, a cambio dunha subvención ofertada polos colaboradores para levar a cabo o desenvolvemento do Mes do Cocido de Lalín, o Concello comprométese a difundir a presenza como entidade colaboradora dos mesmos, en todos os eventos que organice durante o Mes do Cocido e que garden relación co mesmo”.
Neste sentido precisa que “deste xeito, o Concello comprométese a difundir a participación e colaboración das empresas seleccionadas mediante a difusión da súa presenza na cartelería, concretamente no programa de man despregable da Feira do Cocido e nos dípticos do Mes do Cocido”. “Así mesmo o Concello outorgaralle un distintivo como entidade colaboradora co compromiso de calidade do Mes do Cocido a todos os empresarios que colaboren no mesmo”, subliña.
En canto ao número de espazos destinados para a colaboración a responsable municipal fai fincapé en que “se establecen un máximo de 100 espazos destinados aos colaboradores, que se inserirán na cartelería mencionada, a través dunha relación nominal das entidades colaboradoras”.
Selección a través dun proceso aberto
A subvención mínima será de 100 euros podéndose ofertar unha subvención maior, sempre a partir de 100 euros. No caso de que non se cubran todos os espazos, os sobrantes redistribuiranse entre os colaboradores existentes. Así mesmo o Concello resérvase o dereito de incluír nos soportes antes citados a presenza daqueles colaboradores institucionais (entes, organismos ou administracións públicas) cos que o Concello teña levado a cabo acordos ou convenios na materia. As empresas colaboradoras seleccionaranse a través dun proceso aberto, no que todo o empresariado interesado poderá presentar unha única proposta de colaboración.
Proceso
As propostas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ata o 30 de novembro. Cada empresario non poderá presentar máis dunha proposta. A infracción dará lugar á non admisión de todas as propostas por el subscritas. Establécese un único criterio de selección de colaboradores: a mellor subvención ofertada.
A documentación deberá ser achegada en sobre pechado. As bases estarán dispoñibles proximamente na páxina web do Concello e no Rexistro de Entrada do Concello.
Unha vez finalizado o prazo de presentación da documentación administrativa, a Comisión de Valoración examinará a documentación aportada, e se fose necesario subsanar algún defecto ou omisión de documentación dará prazo non superior a 3 días hábiles para que os solicitantes corrixen ou emenden. Unha vez cualificada a documentación redactarse a listaxe dos colaboradores seleccionados por orde decrecente, excluíndose os que non se presenten a documentación completa ou os que incumpran as bases.
A Comisión de Valoración elevaralle ao órgano competente a listaxe definitiva de colaboradores admitidos e excluídos para a súa aprobación. Unha vez aprobada, publicitarase no perfil do contratante do Concello de Lalín e/ou na páxina web municipal e no taboleiro de edictos do Concello e notificaráselle aos colaboradores seleccionados para que procedan a asinar o correspondente convenio de colaboración.
Os colaboradores asinarán o correspondente convenio administrativo de colaboración para a difusión publicitaria da 56ª edición da Feira do Cocido do prazo máximo de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte da notificación da súa condición de colaborador co compromiso de calidade do Mes do Cocido.
O XXVI Mes do Cocido terá lugar entre os días 15 de xaneiro e 14 de febreiro (de 2024) e con esta actuación en materia de colaboración procúrase acadar e manter uns estándares mínimos de calidade no desenvolvemento do cocido propiciando ademais o compromiso de participación das empresas: restaurantes, carnicerías, fábricas de embutidos, queixo, mel, doces, pan, licores, etc.
|