Trátase dun detalle de benvida para os recén nados e as súas familias consistente nunha serie de artigos en especie con produtos básicos para os/as novos/as lalinenses
As concelleiras Carmen Canda e Karen Fernández fixeron entrega das cestas de benvida á natalidade a 9 familias sendo 4 nenas e 5 nenos os menores beneficiarios/as, na que é a sexta remesa deste ano sumado un total de 46 axudas no que vai de ano. Estas cestas están compostas por varios produtos básicos para o coidado dos recén nacidos e como recibimento que o concello fai por estes novos lalinenses.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante todo o ano 2023. Para aqueles nacementos, adopcións ou constitucións de tutela que se produzan no mes de decembro de 2023, o prazo estará aberto ata o 20 de xaneiro de 2024.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios/as destas axudas aquelas persoas que sexan proxenitoras dunha crianza nacida entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2023; adoptantes ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun/dunha menor, sempre que a constitución da adopción ou a declaración de garda con fins adoptivos teña lugar entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2023; ou que sexan titores/as dun/dunha menor, sempre que a constitución da tutela se faga entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2023.
Requisitos
Todas as persoas integrantes da unidade familiar deben figurar empadroadas no Concello de Lalín no momento da presentación da solicitude e permanecer empadroadas durante os dous anos seguintes á concesión da axudas. Este requisito será comprobado de oficio polo órgano instrutor do procedemento e o seu incumprimento dará lugar ao reintegro da axuda percibida.