O artista coruñés Fernando Pereira presentou a súa obra que será destinada a ser o cartel oficial do Cocido 2024 (4 de febreiro), coa presenza do alcalde José Crespo, da concelleira de Turismo e Cultura, Begoña Blanco, e do director do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Luis Rial
Aprobadas as bases de colaboración empresarial para o compromiso de calidade do Mes do Cocido
A concelleira de Turismo, Begoña Blanco, sinala que as firmas que desexen cooperar co compromiso de calidade do Mes do Cocido poderano facer nos vindeiros días en que está previsto que se abra o prazo de presentación de ofertas e anima á participación
Establécese un máximo de 100 espazos destinados a colaboradores e a subvención mínima será de 100 euros, podéndose ofertar unha subvención maior, criterio que prevalecerá na selección dos colaboradores
Seleccionaranse as cen ofertas que ofrezan a subvención de maior importe, colocándose de maior a menor na cartelería
A documentación deberá ser achegada en sobre pechado no Rexistro do Concello
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, anuncia que “se veñen de aprobar en xunta de goberno as bases para concertar convenios de colaboración empresarial para o desenvolvemento do compromiso de calidade do Mes do Cocido durante a LVI edición da Feira do Cocido”. Deste xeito informa que “as empresas que desexen cooperar co compromiso de calidade do Mes do Cocido poderano facer nos vindeiros días en que está previsto que se abra o prazo de presentación de ofertas e anima á participación, dadas as sinerxías beneficiosas que se crean para o tecido empresarial en base ao alcance e repercusións extraordinarios que goza a Feira na actualidade”.
Blanco explica que “queremos acadar a colaboración empresarial nunha actividade de interese xeral como é a Feira do Cocido, un evento dinamizador dos sectores produtivos de Lalín e Comarca: así, a cambio dunha subvención ofertada polos colaboradores para levar a cabo o desenvolvemento do Mes do Cocido de Lalín, o Concello comprométese a difundir a presenza como entidade colaboradora dos mesmos, en todos os eventos que organice durante o Mes do Cocido e que garden relación co mesmo”.
Neste sentido precisa que “deste xeito, o Concello comprométese a difundir a participación e colaboración das empresas seleccionadas mediante a difusión da súa presenza na cartelería, concretamente no programa de man despregable da Feira do Cocido e nos dípticos do Mes do Cocido”. “Así mesmo o Concello outorgaralle un distintivo como entidade colaboradora co compromiso de calidade do Mes do Cocido a todos os empresarios que colaboren no mesmo”, subliña.
En canto ao número de espazos destinados para a colaboración a responsable municipal fai fincapé en que “se establecen un máximo de 100 espazos destinados aos colaboradores, que se inserirán na cartelería mencionada, a través dunha relación nominal das entidades colaboradoras”.
Selección a través dun proceso aberto
A subvención mínima será de 100 euros podéndose ofertar unha subvención maior, sempre a partir de 100 euros. No caso de que non se cubran todos os espazos, os sobrantes redistribuiranse entre os colaboradores existentes. Así mesmo o Concello resérvase o dereito de incluír nos soportes antes citados a presenza daqueles colaboradores institucionais (entes, organismos ou administracións públicas) cos que o Concello teña levado a cabo acordos ou convenios na materia. As empresas colaboradoras seleccionaranse a través dun proceso aberto, no que todo o empresariado interesado poderá presentar unha única proposta de colaboración.
Begoña Blanco incide en que “o prazo de presentación de ofertas abrirase proximamente e as propostas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello”. “O prazo de presentación será de 15 días naturais a contar desde o seguinte ao da publicación do anuncio no perfil de contratación do Concello de Lalín”. No caso de que o último día de prazo fose inhábil trasladarase ao seguinte día hábil.
Cada empresario non poderá presentar máis dunha proposta. A infracción dará lugar á non admisión de todas as propostas por el subscritas. Establécese un único criterio de selección de colaboradores: a mellor subvención ofertada.
A documentación deberá ser achegada en sobre pechado. As bases estarán dispoñibles proximamente na páxina web do Concello e no Rexistro de Entrada do Concello.
Unha vez finalizado o prazo de presentación da documentación administrativa, a Comisión de Valoración examinará a documentación aportada, e se fose necesario subsanar algún defecto ou omisión de documentación dará prazo non superior a 3 días hábiles para que os solicitantes corrixen ou emenden. Unha vez cualificada a documentación redactarse a listaxe dos colaboradores seleccionados por orde decrecente, excluíndose os que non se presenten a documentación completa ou os que incumpran as bases.
A Comisión de Valoración elevaralle ao órgano competente a listaxe definitiva de colaboradores admitidos e excluídos para a súa aprobación. Unha vez aprobada, publicitarase no perfil do contratante do Concello de Lalín e/ou na páxina web municipal e no taboleiro de edictos do Concello e notificaráselle aos colaboradores seleccionados para que procedan a asinar o correspondente convenio de colaboración.
Os colaboradores asinarán o correspondente convenio administrativo de colaboración para a difusión publicitaria da 56ª edición da Feira do Cocido do prazo máximo de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte da notificación da súa condición de colaborador co compromiso de calidade do Mes do Cocido.
O XXVI Mes do Cocido terá lugar entre os días 15 de xaneiro e 14 de febreiro (de 2024) e con esta actuación en materia de colaboración procúrase acadar e manter uns estándares mínimos de calidade no desenvolvemento do cocido propiciando ademais o compromiso de participación das empresas: restaurantes, carnicerías, fábricas de embutidos, queixo, mel, doces, pan, licores, etc.
|