Poderán participar asociacións, cooperativas ou agrupacións de veciños, para o que terán que achegar documentación acreditativa, de acordo ás bases que o Concello publicará proximamente
Reunión de primeira toma de contacto a mantida polo concelleiro de Obras, Servizos e Festas, José Cuñarro, na tarde do mércores cos representantes que realizaron as carrozas participantes na última edición da Feira do Cocido para ir programando e planificando o desfile da 56ª edición do vindeiro 4 de febreiro.
O edil explicoulles que a achega por participación de cada unha das carrozas vai ser de 2.000 €, idéntica contía que na última edición, cando se incrementara con respecto a anos anteriores para contribuír a facer fronte ao incremento do custos da súa realización. Os premios manteranse e suman unha contía total de 5.300 €.
O encontro foi un primeiro intercambio de opinións no que os colectivos presentes amosaron boa receptividade e quedaron en propoñer o asunto á directiva e aos socios de cara a ter a resposta nun prazo de 15 días en vista a poder facer unha previsión de que carrozas participarán na vindeira edición da Feira do Cocido, segundo sinala Cuñarro.
O responsable municipal subliña que se permitirá a participación de asociacións, cooperativas ou agrupacións de veciños que terán que achegar a documentación acreditativa correspondente, de acordo ás bases que o Concello publicará proximamente.
No encontro do mércores tomaron parte todas as cooperativas e asociacións que realizaron carrozas na edición do Cocido do 2023, agás a parroquia de Bendoiro á que lle foi imposible asistir. As entidades presentes nesta primeira xuntanza de traballo foron: Sello, A Veiga, Cooperativa Gandeira de Botos, Cabaleiros de Lalín e Grupo de Baile A Carballeira de Cercio.