- O luns terá lugar unha sesión sobre optimismo e actitude e o martes unha sobre xestión da ansiedade
- Este programa de apoio abrangue varias formacións semanais desde outubro a decembro, todas gratuítas, sobre distintas temáticas que contribúan ao empoderamento feminino: xestión da ansiedade, orientación laboral individualizada, autoestima, establecemento de límites, como evitar as relacións tóxicas, tipos de violencia, construción da identidade de xénero, igualdade, etc
- As mulleres que desexen participar neste programa gratuíto de apoio municipal deben inscribirse a través do correo electrónico cim@lalin.gal ou chamando ao teléfono 986 78 70 60
- Desenvólvese en colaboración coa Deputación cos obxectivos de desenvolver accións de orientación e de impulsar unha rede de mulleres para a mellora da situación persoal a longo prazo
Continúa o programa formativo gratuíto dirixido ás mulleres lalinenses promovido pola Consellería de Política Social e Igualdade que dirixe Carmen Canda, a través do CIM, en colaboración coa Deputación con dúas sesións a vindeira semana: o luns 6 de novembro, sobre optimismo e actitude e o martes 7 sobre xestión da ansiedade. Ambas dúas sesións terán lugar ás 18 horas no auditorio da biblioteca. Un programa formativo que ten como fin último promover o empoderamento e fomentar a autoestima das mulleres e que se desenvolverá ata mediados de decembro.
Os obxectivos fundamentais do programa son desenvolver accións de empoderamento e autoestima das mulleres en xeral e especialmente as que se atopen en situación de vulnerabilidade; promover accións de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación social e laboral das mulleres así como impulsar a creación dunha rede de mulleres para a mellora da situación persoal a longo prazo”.
Este programa de traballo deu comezo a mediados de outubro e abrangue varias formacións semanais, todas gratuítas, que versan sobre diversos bloques temáticos que contribúan a fomentar o empoderamento feminino.
Os bloques formativos son en formato aula e formacións individualizadas temáticas como: xestión da ansiedade, orientación laboral individualizada, autoestima, establecemento de límites, como detectar e evitar relacións tóxicas, mellora da actitude, establecemento de redes de apoio, etc.
O programa está dirixido a mulleres en xeral e especialmente ás mulleres en situación de vulnerabilidade, como poden ser as que están nalgunha das seguintes circunstancias: con responsabilidades familiares non compartidas; desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos; inactivas ou desempregadas de longa duración; sen titulación ou con baixa cualificación; maiores ou viúvas; desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos; inactivas ou desempregadas de longa duración; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica ou procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.
A dirección e formación deste programa desenvolverase por un equipo conformado por unha psicóloga con especialidade en igualdade de xénero, un/unha axente de igualdade e unha persoa especialista en orientación laboral.
As mulleres que desexen participar neste programa gratuíto de apoio municipal deben inscribirse a través do correo electrónico cim@lalin.gal ou chamando ao teléfono 986 78 70 60, naquelas formacións que sexan do interese quedando a inscrición aberta a todas as sesións que conforman o programa.