O edil de Obras subliña que nesta actuación coa que se resolve unha petición veciñal, o goberno inviste preto de 50.000 €
As últimas enchentes desprazaran as pedras da ponte e dificultaban o seu uso
O edil de Obras, José Cuñarro, sinala que “veñen de dar comezo as obras do Pontón de Vilar do Río que posibilitará o restablecemento desta vía de comunicación para os veciños de Bendoiro e de Prado (parroquias situadas a cada unha das beiras), e especialmente no que se refire ao acceso ás súas fincas”.
“Unha actuación na que investimos 48.263,45 €, IVE incluído, con cargo a fondos municipais, coa que resolvemos unha petición dos veciños de ambas dúas parroquias; unha actuación que se fai preciso acometer dado que a raíz das últimas enchentes desprazáronse as pedras do paso dificultando poder atravesar por este”, explica.
“A solución técnica adoptada neste caso é a colocación dunha estrutura dunha soa peza consistente nunha lousa de 8 metros de luz libre e 3 metros de ancho de paso útiles que se executa sobre o Rego de Lamas en Vilar do Río”, indica. “Esta peza de 0,50 metros de canto vai empotrada en sendos estribos de 3 metros de ancho e 2,50 metros de lonxitude na dirección do eixo da vía e 1 metro de canto, que funcionará á vez como contrapesos e elemento de reparto de carga”, precisa.
“A actuación tamén abrangue o acondicionamento do acceso ao Pontón, coa execución de ramplas de acceso a base de rellenos, macadam e formigón bituminoso e quente, así como das obras complementarias de drenaxe e sinalización”, subliña.