- Este conxunto de actuacións musicais coas que se promove o envellecemento activo e a autonomía persoal terán lugar de 19 a 21 horas e continuarán no mes de novembro
O vindeiro mércores, 1 de novembro, festividade de Todos os Santos, iníciase o programa de baile promovido polo Concello e dirixido especialmente ás persoas maiores. Desenvolveranse no Pontiñas Centro Comercial en horario de 19 a 21 horas. Así o avanza a concelleira de Política Social, Carmen Canda, que subliña que “este programa municipal gratuíto que levamos a cabo en colaboración do Pontiñas Centro Comercial, que nos cede o espazo, continuará tendo lugar no mes de novembro”. O 1 de novembro actuará o dúo Reflejos e continuará o 5 de novembro co dúo Dilema e o 12 co dúo Marema.
Canda fai fincapé en que “con este programa de actuacións musicais trátase de favorecer o envellecemento activo a fin de xerar un espazo de ocio e esparexemento das persoas que tomen parte nestas sesións de baile e fomentando a súa participación activa”. “Aínda que é un espazo destinado á poboación lalinense maior de 55 anos tamén está aberto para todo o público favorecéndose así as relacións interxeracionais”, precisa.
“Deste xeito os obxectivos que se pretenden co desenvolvemento deste programa enmarcado no programa Lalín Activa son: mellorar as capacidades de vida da poboación e desenvolver a súa autonomía; potenciar a cultural musical da zona; fomentar as relacións interpersoais e achegar un importante compoñente lúdico e de creación dun espazo de ocio e tempo libre”, sinala.
“En definitiva, estas actividades axudan a envellecer de forma máis activa, mellorar a saúde da nosa poboación e a ser un espazo que nace como instrumento normalizador e facilitador da activación social, mediante o deseño de actuacións orientadas a desenvolver habilidades sociais e á aprendizaxe de técnicas de autonomía persoal”, afirma Canda.