-
Serán dúas sesións sobre a temática de redes sociais e xénero que impartirá a profesora de Ciencias da Educación, Soraya Calvo, orientadas ao público en xeral e ao alumnado de ESO
- As inscricións, gratuítas, para participar no taller sobre rap, graffiti, parkour e cap tain, pódense facer na Oficina de Igualdade do Concello ou en www.fagamos.es
As actividades de igualdade do Concello de Lalín relacionadas co 25N, Día Internacional contra a violencia, darán comezo a vindeira semana, coas dúas primeiras charlas do programa Lalín x igual que terán como temática as redes sociais (“Redes sociais e xénero, non te perdas na rede, que vexo en youtube”) e serán impartidas pola investigadora e profesora de Ciencias da Educación na Universidade de Oviedo, doutora en Equidade e Innovación en Educación, Soraya Calvo González.
Así o avanza a concelleira de Igualdade, Carmen Canda, que explica que “a primeira sesión dirixida ao público en xeral terá lugar o xoves, 2 de novembro, ás 20 horas na sala de prensa do Concello, e a segunda, o venres 3 de novembro ás 11 horas no Auditorio de Lalín destinada a alumnado de ESO”.
Soraya Calvo González é doutora en Equidade e Innovación polas Universidades de Oviedo, Cantabria, Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña (sobresaínte cum laude e premio extraordinario de doutorado na Universidade de Oviedo); máster en Comunicación e Educación a Rede pola Uned e máster en Intervención e investigación socioeducativa pola Universidade de Oviedo. No curso 2022-23 foi investigadora visitante na Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid.
Desde 2018 é profesora axudante doutora no departamento de Ciencias da Educación da Universidade de Oviedo, impartindo docencia no grao en Pedagoxía e en estudos de máster universitario (Formación do Profesorado de ESO, Bacharelato e FP, Intervención socioeducativa e investigación e innovación en Educación Infantil e Primaria). Anteriormente foi investigadora predoutoral Severo Ochoa e profesora asociada na mesma entidade.
Conta ademais con diversas publicacións en revistas académicas; ampla difusión en congresos, moitos deles de carácter internacional; varios membresías en comités científicos e/ou coordinadores e investigadora en proxectos de investigación financiados tanto europeos como nacionais, estando vinculada a varios proxectos de innovación docente.
Así mesmo é autora de materiais divulgativos relacionados co xénero e a educación sexual para entidades públicas, experta en investigacións sobre educación sexual e xénero e revisora de revistas indexadas e relevantes. Tamén destaca por poñer en marcha a coordinación ata 2018 do Servizo de Orientación e Información Sexual “SOISEX” e do Punto Lila (atención a agresións sexistas) do Concello de Gijón e o divulgadora en medios sociais e de comunicación e presidenta de Rixu: Asociación de Educación Sexual e Coeducación de Asturies.
Obradoiros Cultura urbana on tour
Por outra parte, Canda anuncia que “tamén o día 3 de novembro a partir das 16 horas terá lugar un obradoiro de Cultura urbana on tour sobre parkour, cap paint, graffiti e rap con enfoque de xénero, para a rapazada de 8 a 16 anos”. Desenvolveranse no patio do CEIP Xesús Golmar a partir das 16 horas. As inscricións son de balde e poderanse realizar na Oficina de Igualdade do Concello de Lalín ou en www.fagamos.es . Trátase dunha actividade de igualdade financiada pola Xunta de Galicia para 10 concellos galegos, relacionada coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero.