- A concelleira Begoña Blanco dá a coñecer a programación cultural do Concello para o próximo mes
O Concello de Lalín programa para este mes de novembro unha exposición sobre a artista coruñesa multidisciplinar e amplamente consolidada, Carme Chacón, que leva por título “Sedimentos”, na que emprega materiais reciclables e amosa a súa sensibilidade polo coidado do medio ambiente. Inaugurarase o xoves, 9 de novembro, ás 20 horas, no Museo municipal “Ramón Mª Aller”.
A dilatada traxectoria de Chacón deu comezo en 1982. Ao longo destas máis de catro décadas de produción artística os seus traballos experimentaron unha constante evolución desde os seus comezos na figuración ata a construción de instalacións e esculturas, nas que introduce fotografías, obxectos varios e elementos da natureza.
A programación cultural de novembro continuará cunha conferencia sobre “O astrónomo Aller e a xeira do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na terra de Deza” coa que se pretende poñer en valor a figura do ilustre lalinense e o seu labor fundamental como integrante do SEG no desenvolvemento das distintas investigacións levadas a cabo na Comarca entre 1928 e 1935. Estará impartida por Cecilia Doporto e será aberta ao público (venres 10 de novembro, 20 horas no Museo Ramón Mª Aller).
Así mesmo a programación cultural municipal para este penúltimo mes do ano tamén estará marcada por actividades vinculadas á astronomía, concertos de celebración de Santa Cecilia, cun recoñecido espectáculo de zarzuela, un novo obradoiro sobre o Castro Tecnolóxico e unha actividade expositiva conmemorativa do 25N.
O catedrático e profesor José Ángel Docobo, director do Observatorio Ramón Mª Aller da USC, ofrecerá unha visita ao Observatorio (Museo Municipal Ramón Mª Aller de Lalín) ás 21 horas o venres 10.
O sábado 11 terá lugar o obradoiro “Imaxina o Castro Tecnolóxico” no centro Castrodeza no marco do 10º aniversario do Castro Tecnolóxico. Tamén ese mesmo día, ás 20 h no Salón Teatro, a veciñanza poderá asistir ao espectáculo “Heroínas en la zarzuela”. Este concerto pretende ser unha exaltación dos personaxes femininos como protagonistas en moitas zarzuelas e sainetes líricos. Está protagonizado por dúas das grandes sopranos do panorama nacional, Gema Scabal e Elvira Padriño, acompañadas ao piano por Celia Laguna.
As celebracións musicais ao redor de Santa Cecilia constitúen un dos puntos fortes da programación de novembro: a Banda de Vilatuxe celebra concerto conmemorativo o sábado 18 (12 h, Auditorio de Vilatuxe); a Banda de Lalín o sábado 25 (13 h, Auditorio Municipal); A Lira de Prado tamén o 25 de novembro (Campo da Feira de Prado ás 14.00 horas) e a Banda de Muimenta o domingo 26 (13 h, Auditorio de Muimenta).
O 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, tamén terá pegada cultural: a Biblioteca Municipal Varela Jácome organiza unha exposición de libros relacionados coa temática da violencia de xénero.