- A charla de mañá tratará sobre <Tipos de violencia, como detectalos e previr” e terá lugar ás 18 h na biblioteca municipal
- O programa abrangue varias formacións semanais desde outubro a decembro, todas gratuítas, sobre distintas temáticas que contribúan ao empoderamento feminino: xestión da ansiedade, orientación laboral individualizada, autoestima, establecemento de límites, como evitar as relacións tóxicas, tipos de violencia, construción da identidade de xénero, igualdade, etc
- Carmen Canda anima ás mulleres á participación neste programa gratuíto de apoio municipal para o que deben inscribirse a través do correo electrónico cim@lalin.gal ou chamando ao teléfono 986 78 70 60
-
Esta iniciativa desenvolverase en colaboración coa Deputación cos obxectivos de impulsar unha rede de mulleres para a mellora da situación persoal a longo prazo
Mañá ás 18 horas na biblioteca municipal terá lugar a primeira das charlas do programa formativo gratuíto dirixido ás mulleres lalinenses, promovido polo Concello, a través da Concellería de Política Social e Igualdade (desde o CIM) en colaboración coa Deputación, e que se desenvolverá durante o último trimestre do ano (do 16 de outubro ao 13 de decembro). Así o avanza a concelleira de Política Social, Carmen Canda, que indica que “a temática da charla de mañá versará sobre <Tipos de violencia, como detectalos e previr> e nesta sesión incidirase en como podemos tratar estas violencias no marco laboral, social e de parella e será impartida por unha especialista en Psicoloxía”.
Os obxectivos fundamentais deste programa son desenvolver accións de empoderamento e autoestima das mulleres en xeral e especialmente as que se atopen en situación de vulnerabilidade; promover accións de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación social e laboral das mulleres así como impulsar a creación dunha rede de mulleres para a mellora da situación persoal a longo prazo, explica a concelleira de Política Social, Carmen Canda.
Desenvolveranse varias formacións semanais, todas gratuítas, que versarán sobre diversos bloques temáticos (xestión da ansiedade, orientación laboral individualizada, autoestima, establecemento de límites, como detectar e evitar relacións tóxicas, mellora da actitude, establecemento de redes de apoio, etc.) que contribúan a fomentar o empoderamento feminino, explica.
A responsable municipal concreta que “o programa está dirixido a mulleres en xeral e especialmente ás mulleres en situación de vulnerabilidade, como poden ser as que están nalgunha das seguintes circunstancias: con responsabilidades familiares non compartidas; desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos; inactivas ou desempregadas de longa duración; sen titulación ou con baixa cualificación; maiores ou viúvas; desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos; inactivas ou desempregadas de longa duración; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica ou procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM”.
Equipo de profesionais
Carmen Canda destaca que “a dirección e formación deste programa desenvolverase por un equipo conformado por unha psicóloga con especialidade en igualdade de xénero, un/unha axente de igualdade e unha persoa especialista en orientación laboral”.
Carmen Canda anima ás mulleres á participación neste programa gratuíto de apoio municipal para o que deben inscribirse a través do correo electrónico cim@lalin.gal ou chamando ao teléfono 986 78 70 60, naquelas formacións que sexan do interese quedando a inscrición aberta a todas as sesións que conforman o programa.