Este BIC consolídase como recurso cultural e turístico de primeira orde desde a súa posta en marcha en 2014 onde se poden ver moitas pezas inéditas
A presenza no Google Maps é un recurso destacado que contribúe a atraer novos visitantes
O Pazo de Liñares recibiu no que vai de ano (concretamente desde o 3 de xaneiro ata o 30 de setembro) un total de 7.241 visitas, das que case o 5% proceden do estranxeiro; o 19% de distintos puntos de España; o 22% de Lalín e o 54% doutros puntos de Galicia. É importante resaltar o incremento rexistrado con relación a anos precedentes, destacando a suba de visitas recibidas desde toda Galicia, España e Europa é ás que contribúe a
presenza que está tendo o Pazo no Google Maps con recensións e fotografías, xa que moitas persoas achéganse guiadas a Liñares por dita aplicación.
Dos preto de 7.300 visitantes é de destacar que 1.777 persoas participaron en excursións-179 alumnos/as-, 828 en diversos actos e 290 en vodas, todos estes son eventos que acolleu o Pazo de Liñares durante os tres primeiros trimestres de ano.
Contidos e usos do Pazo
O BIC Pazo de Liñares consolídase así como un recurso cultural e turístico de primeira orde desde a súa inauguración a finais de 2014. Actualmente acolle o Museo do Xoguete (Colección A. Chaves) e da Marioneta, un centro museístico referente con máis de 1.000 pezas, moitas inéditas. Un Museo que vén de cumprir dous anos de vida e que leva ao visitante a unha viaxe pola historia do xoguete, da infancia e do xogo.
Na parte dedicada á Marioneta recolle unha representación de pezas e montaxe máis destacadas de compañías de toda Galicia exhibindo as súas pezas máis destacadas na súa traxectoria. Tamén podemos atopar unha peza autómata, inspirada no manual do clérigo Domingo Martínez de Presa, de 1662. É unha máquina de personaxes de madeira, creada ex profeso para Liñares e que reproduce un baile da época renacentista.
Ao ser a casa natal do ilustre aviador Joaquín Loriga, neste Pazo existe unha sala dedicada a este Fillo Ilustre con material moi diverso: fotografías, vídeo e unha pantalla táctil con todo tipo de información sobre o seu raid Madrid- Manila. Cómpre recordar a incorporación recente a esta sala do retrato de Antonio Maura, recuperado do Pazo e restaurado polo Concello.
Tamén hai unha sala dedicada a Jan Dirk Hilgen que amosa material divulgativo e de traballo doado por este xeólogo holandés, chamando a atención algunhas pezas de minerais e microscopios cos que traballaba.
Unha exposición de fotografía do proceso de rehabilitación do Pazo moi interesante e ilustrativa é outro dos contidos do Espazo Liñares que conta tamén cun Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, xestionado pola Deputación.
Ademais realízanse durante o ano diversos actos e actividades como vodas,
espectáculos, actos, encontros, charlas, cursos, conferencias, mostras e diversas
exposicións temporais, sen contar que tamén se desenvolven proxectos e encontros con xente de moi diversos sectores.
Nos últimos anos incrementou notablemente (máis dun 50%) o número de visitas, excursións, actos, eventos, vodas e diversos acontecementos con respecto aos anos anteriores. Prevese que o número de visitantes finais deste ano poida chegar aos 10.000.