Desenvolverase en colaboración coa Deputación cos obxectivos de desenvolver accións de
orientación e de impulsar unha rede de mulleres para a mellora da situación persoal a longo prazo
A concelleira de Política Social e Igualdade explica que “este programa de apoio
abrangue varias formacións semanais desde outubro a decembro, todas gratuítas,
sobre distintas temáticas que contribúan ao empoderamento feminino: xestión da
ansiedade, orientación laboral individualizada, autoestima, establecemento de límites,
como evitar as relacións tóxicas, tipos de violencia, construción da identidade de
xénero, igualdade, etc.”
Carmen Canda anima ás mulleres á participación neste programa gratuíto de apoio
municipal para o que deben inscribirse a través do correo electrónico cim@lalin.gal ou
chamando ao teléfono 986 78 70 60
O Concello, a través da Concellería de Política Social e Igualdade -e desde o CIM-, en
colaboración coa Deputación de Pontevedra, pon en marcha un completo programa
formativo gratuíto dirixido ás mulleres lalinenses que se desenvolverá durante o último
trimestre do ano (do 16 de outubro ao 13 de decembro).
Así o dá a coñecer a responsable municipal, Carmen Canda que explica que “os
obxectivos fundamentais do programa son desenvolver accións de empoderamento e
autoestima das mulleres en xeral e especialmente as que se atopen en situación de
vulnerabilidade; promover accións de atención, orientación e acompañamento para a
mellora da situación social e laboral das mulleres así como impulsar a creación dunha
rede de mulleres para a mellora da situación persoal a longo prazo”.
Canda sinala que “este programa de traballo desenvolverase durante outubro, novembro
e decembro con varias formación semanais, todas gratuítas, que versarán sobre diversos
bloques temáticos que contribúan a fomentar o empoderamento feminino”.
“Os bloque formativos serán en formato aula e formacións individualizadas temáticas
como: xestión da ansiedade, orientación laboral individualizada, autoestima,
CONCELLO DE LALÍN
Nota de Prensa
Gabinete de Comunicación
lalin@lalin.gal/prensa@lalin.gal/ http://www.lalin.gal
establecemento de límites, como detectar e evitar relacións tóxicas, mellora da actitude,
establecemento de redes de apoio, etc.”, precisa.
A responsable municipal concreta que “o programa está dirixido a mulleres en xeral e
especialmente ás mulleres en situación de vulnerabilidade, como poden ser as que están
nalgunha das seguintes circunstancias: con responsabilidades familiares non
compartidas; desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos; inactivas ou
desempregadas de longa duración; sen titulación ou con baixa cualificación; maiores ou
viúvas; desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos; inactivas ou
desempregadas de longa duración; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas;
perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; vítimas de
violencia de xénero ou de violencia doméstica ou procedentes de núcleos familiares con
ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM”.
Equipo de profesionais
Carmen Canda destaca que “a dirección e formación deste programa desenvolverase por
un equipo conformado por unha psicóloga con especialidade en igualdade de xénero,
un/unha axente de igualdade e unha persoa especialista en orientación laboral”.
Avanza que “a primeira formación presencial en formato aula levarase a cabo no auditorio
da biblioteca municipal o vindeiro 18 de outubro ás 18 horas e terá como temática <Tipos
de violencia, como detectalos e previr>”. “Nesta sesión incidirase en como podemos tratar
estas violencias no marco laboral, social e de parella”, remarca, ao tempo que subliña que
“esta primeira formación será impartida por unha especialista en Psicoloxía”.
Carmen Canda anima ás mulleres á participación neste programa gratuíto de apoio
municipal para o que deben inscribirse a través do correo electrónico cim@lalin.gal ou
chamando ao teléfono 986 78 70 60, naquelas formacións que sexan do interese
quedando a inscrición aberta a todas as sesións que conforman o programa.