- Carmen Canda remarca a importancia de fomentar as aprendizaxes de novos coñecementos, estimular o ocio e a participación no entorno comunitario e o fomento do envellecemento activo.
- Teñen unha moi boa acollida e a maior parte das prazas cubríronse o mesmo día de apertura da inscrición. Neste momento existe unha praza dispoñible na modalidade de informática avanzada e outra no grupo de inglés das 11: 30 horas
A concelleira de Política Social, Carmen Canda, anuncia o comezo das actividades de envellecemento activo con taller de memoria, técnicas de pintura, informática, patrimonio histórico galego e saídas culturais e idiomas.
O taller de memoria son impartidos todos os xoves durante hora e media cada grupo, de 16:00 a 17:30 e de 17:30 a 19:00; técnicas de pintura diferenciadas, tamén, en dous grupos, son os martes de 10:00 a 11:30 e de 11:45 a 13:15; informática, os mércores e o venres cun grupo de iniciación ás 10:30 ata as 11:30 e un grupo de avanzado ás 11:30 ata as 12:30; patrimonio histórico galego e saídas culturais, os martes de 17:30 a 19:00 e idiomas con dous grupos impártense os venres de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30.
Cómpre indicar que o mesmo día de apertura de prazo cubríronse as prazas das actividades de: patrimonio histórico galego, taller de memoria en ambos grupos, informática coa súa modalidade de iniciación e os dous grupos de técnicas de pintura. Neste momento, existe unha praza dispoñible na modalidade de informática avanzada e no grupo de inglés das 11:30 horas.
Estas actividades teñen por finalidade espremer todo o potencial físico, mental e social ao máximo e preténdese fomentar a participación activa de todos/as lalinenses no entorno máis próximo, de acordo coas súas necesidades individuais, desexos, habilidades e posibilidades. Como o seu propio nome o indica, axudan a envellecer de forma máis activa, mellorando a saúde e creando espazos que nacen como instrumento normalizador e facilitador da activación social, mediante o deseño de actuacións orientadas a desenvolver habilidades sociais e socialización, aprendizaxe das técnicas levadas a cabo nas aulas para logo poder levar eses aprendizaxes ás nosas casas, fomenta a saúde, a autonomía persoal e a independencia das persoas maiores entre outras cousas.
O Concello persegue que a poboación desenvolva de forma individual e colectiva as capacidades a través de actividades físicas, como a actividade de musicoterapia ou o Programa “Lalín Activa” desenvolto en diferentes parroquias do Concello, e actividades intelectuais, dotando ás persoas dunha mellora na calidade de vida e saúde, favorecer a súa independencia, facilitarlles optar a novos coñecementos e habilidades, descubrir novas afeccións, acercarse aos avances tecnolóxicos, etc.
As persoas que desexen información sobre as actividades poderá chamar ao Departamento de Servizos Sociais do Concello ao teléfono 986780014 en horario de 8:00 a 15:00.